sábado, 15 de setembro de 2018

Piruletas de queixo con xamón

Bolboreteir@s! Por fin estamos de novo aquí! Xa botabamos en falta as escritas periódicas para vos presentar así que vimos cheos de ansias de vos adozar as semanas.
Comezamos ademais cunha receita á que todos e todas teredes acceso debido á súa extrema sinxeleza mais como dicimos sempre, non o máis doado ten menos valor. Vainos sacar de moitos apuros termos de man receitas que nos fagan perder pouco tempo e que dean un grande rendemento. As piruletas que aquí creamos levan apenas uns minutos e trasladan ao padal unha sabor intenso dificilmente mellorábel. Obviamente, vai depender moito da calidade do queixo que utilicemos. Botade man dun dos vosos favoritos.
Polo resto... ollade e veredes que é apta para peques e maiores, para zoupóns e folgazáns. A degustalas!



Piruletas de queixo con xamón



Ingredientes:


  • Queixo relado
  • 1-2 lascas de xamón cocido
  • Ourego





Utensilios: pauíños, unha bandexa de forno e papel vexetal.


Elaboración:


Para comezarmos, temos que facer pequenos montóns de queixo. 


Engadimos un pouco de xamón cocido, cortado finamente. 


Empoamos co ourego. e colocamos os pauíños para formar as piruletas. 


Tapamos o pauíños cun pouquiño máis de queixo.


 e enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo até que se derreta o queixo. 


Deixamos que arrefríen para podelas despegar ben e que conserven a súa bonita forma de piruletas. 


E xa estarían listas para comer!


En moitas ocasións acomodámonos á hora dos petiscos e tiramos de olivas, queixo, patacas de bolsa... mais animámosvos a tentardes sorprender con algo diferente e que non vos fará perder tempo para os pratos principais. Como moito, quitarálle protagonismo aos outros elementos do menú, haha.
Deixámosvos pois coa primeira receita neste regreso que vai traer moitas sorpresas. Andade con ollo ;-) Fortísima aperta e mil grazas por seguirdes aí!

Ningún comentario:

Publicar un comentario