martes, 31 de xullo de 2018

Risotto de quinoa

Bo día, bolboreteir@s! Como vai todo? Imos cunha receita de novo lixeira e moi saudábel para pechar a tempada. Darémosvos até 15 de setembro para descansardes de nós aínda que non completamente porque si seguiremos activos nas RRSS mostrándovos probas que facemos por aí e recordándovos algúns dos mellores pratos. Desta volta precisamos esta fase para folgar pois foi un ano longo, no que as oposicións deixan moito desgaste, aínda que sairon á perfección xa que conseguimos o soño de ser profes!! Ademais, en dúas semanas temos o que posibelmente será o evento máis importante da nosa vida polo que non nos vai quedar moito tempo para outras cuestións. Iso si, habémosvos de ir mostrando cousiñas ao respecto, que vós xa sodes parte da familia desde hai case cinco anos.
Ben, sexa como for, aínda temos aquí un prato ben saboroso para degustar e co que abrir apetito. Imos a por el!



Risotto de quinoa



Ingredientes:


  • 150 g de quinoa
  • 450 g de auga
  • 1/2 vaso de viño branco
  • Chícharos cocidos
  • 2-3 cenorias
  • 1/2 cebola
  • 2 dentes de allo
  • Ourego
  • Pementa moída 
  • Sal
  • Aceite
  • Queixo relado

Utensilios: unha tixola, táboa, coitelo e unha culler.


Elaboración:


Para comezarmos, rustrimos nunha tixola cun pouco de aceite a cebola e o allo picados. 


Engadimos a cenoria, tamén picada finamente. Sazonamos co ourego, sal e pementa. 


Cando abranden un pouco, engadimos a quinoa e mesturamos ben. 


Agregamos o viño e a metade de auga. 


Cociñamos a lume medio, remexendo bastante a miúdo. Cando se absorba toda a auga, engadimos o resto de líquido. 


Cando a quinoa estea lista, engadimos os chícharos e mesturamos moi ben. Deixamos repousar, aproximadamente, 10 minutos.


Engadimos un pouco de queixo relado e xa estaría listo para comer! 



Agardamos que vos guste e que o fagades na casa!!


Non hai espazo como a cociña para desfrutar. Nun mesmo punto podemos gozar creando e argallando cos diversos alimentos e sobre todo podemos degustar os sabores máis extraordinarios. A sensación con esta receita foi nesta liña do moi pracenteiro e gustoso! Toca pois pola en práctica. Mil grazas por estardes sempre aí, amig@s! Ímosvos contando e seguímonos lendo á volta. Forte aperta!

4 comentarios:

  1. Noraboa! Pola opo e polo evento máis importante das vosas vidas. :)
    Ata a volta!
    Unha aperta e felicidades.

    ResponderEliminar
  2. Oye ,

    Veo el sitio web www.bolboretasnobandullo.com y es impresionante. Me pregunto si el contenido o las opciones de publicidad de banners disponibles en su sitio.

    ¿Cuál será el precio si nos gustaría poner un artículo en su sitio?

    Nota: el artículo no debe ser ningún texto como patrocinado o publicitado o así


    Aclamaciones
    anto desouza

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitísimas grazas polo teu interese!
      Se queres, envíanos un correo a bolboretasnobandullo@gmail.com e falamos 😊!
      Unha aperta!

      Eliminar