sábado, 7 de abril de 2018

Albóndegas de polo ao curry

Ola, bolboreteir@s! Como ides? Por aquí seguimos acumulando máis e máis receitas e matinando novas ideas para vos sorprender. De momento, hoxe traemos un dos nosos pratos favoritos, as albóndegas, que xunto coas croquetas representan un clásico da cociña tradicional. Ora ben, estas albóndegas non vos son de todo clásicas. De feito, ollade que salsa! Nós que cada vez gustamos máis do curry e das especias asiáticas ficamos moi orgullosos deste prato. Vaia sabor presentan!
Por certo, deixamos por aquí un recordatorio para os lugueses e luguesas. Este vindeiro luns 9 de abril andaremos pola EOI de Lugo ás 19 para conversarmos arredor de lingua, gastronomía e cultura. Agardámosvos deixando esta delicia como aperitivo. Ñam!



Albóndegas de polo ao curry



Ingredientes:


Para as albóndegas:
  • 500 g de carne picada de polo
  • 100 g de fariña
  • 2 rebandas de pan de molde
  • 2 ovos
  • Leite
  • Unha culleriña de curry
  • Allo en po
  • Pementa moída
  • Aceite

Para a salsa:
  • 250 ml de caldo de verduras
  • 150 ml de leite de coco
  • 1 cebola grande
  • 1 cullerada de fariña
  • 1 cullerada de curry


Utensilios: unha pota, unha tixola, unha cunca e un prato.


Elaboración:

Para comezarmos, temos de mesturar a carne, os ovos, o curry (no noso caso, curry vermello picante), o allo en po e a pementa moída. 


Remollamos o pan de molde en leite e engadímosllo tamén. 


Mesturamos moi ben e imos botando fariña até facer pequenas bolas consistentes. Depende dos ovos e da cantidade de leite que absorba o pan, ides necesitar máis ou menos fariña. 


A continuación, rustrímolas nun pouco de aceite e reservámolas nun prato. 



No mesmo aceite en que fixemos as albóndegas, rustrimos a cebola ben picadiña. 


Cando estea brandiña, engadimos a fariña e mesturamos moi ben. 


E, pouco a pouco, imos agregando o caldo.


O curry.


E o leite de coco. Cociñamos 10 minutos a lume medio. 


Agregamos as albóndegas e deixamos cocer 15 minutos máis. E xa estarían listas para comer!


Agardamos que vos gusten e que poñades esta receita en práctica ;)


Poucas persoas haberá que non gusten das albóndegas mais se por riba levan esta salsa intensa, xa se torna imposíbel a indeferenza. Deixámosvos desfrutar da nova receita. Forte aperta!

2 comentarios:

  1. Uummmmmmmm pintaza tienen esas albondigas con lo que nos gustan en casa , seguro estaban de rexupete yo no podria dejar de mojetear en la salsa , os ha quedado un plato divinisimo.
    Bicos mil y feliz domingo wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Mil grazas, Chus! A verdade é que estaban deliciosas e un vicio...!!
      Apertas!

      Eliminar