martes, 3 de abril de 2018

Crema de champiñóns


Bo día, bolboreteir@s! Hoxe traemos unha receita que tiñamos ganas de preparar hai ben tempo. As cremas son garantía de éxito sempre e para nós que somos fans dos fungos esta é unha delicatessen. Ademais, é unha especie de Madalena de Proust para nós pois era un clásico da nosa infancia xunto coa de espárragos, aínda que ben é certo que esta era de supermercado e unha vez degustada a caseira, fica a outra xa no esquecemento.
No noso frigorífico nunca faltan cogomelos e champiñóns xa que é un complemento ideal para carnes e pescados cunha chea de propiedades nutritivas. E agora, xa temos saída para esas ocasións en que sobran uns poucos e non sabemos onde encaixalos. Esta crema rouboounos o corazón. Ou máis ben, o bandullo.
Como o noso inverno se está a alongar en demasía, ollemos pola parte positiva: non hai fin para as cremas caseiras. Viva!



Crema de champiñóns



Ingredientes:


  • 800 g de champiñóns
  • 1 allo porro
  • 1,5 l de caldo de verduras
  • 200 ml de leite evaporado
  • Aceite de oliva
  • Pementa moída
  • Sal

Para os crocantes de pan:
  • 2 lascas de pan
  • 2-3 culleradas de aceite de oliva
  • 1/4 cullerada de romeu
  • 1/4 cullerada de coantro


Utensilios: unha pota, unha tixola, unha bandexa de forno e papel vexetal e un batedor eléctrico.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de rustrir o allo porro en dúas culleradas de aceite e cun chisco de sal.


A parte, noutra tixola, rustrimos os champiñóns, ben lavados e cortados ao medio, até que estean ben dourados. Así mesmo, salpementámolos ao noso gusto.


Cando os champis estean listos, engadímolos á pota co allo porro (reservamos uns poucos para a decoración) e botamos tamén o caldo. 


 Cando ferva, deixámolo cociñando 20 minutos a lume medio e, de seguir, triturámolo.


Agregamos o leite evaporado e mesturamos moi ben. 


Para os crocantes de pan, temos de mesturar 2-3 culleradas de aceite, o romeu e o coantro.


Cortamos o pan en cadradiños e impregnámolo ben coa mestura anterior. 


Estendémolo sobre unha bandexa de forno cuberta con papel vexetal e enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 5-6 minutos. 


 Servimos a crema de verduras con algún champiñón e os crocantes de pan.



 Agardamos que vos guste e que a poñades en práctica ;)




Resulta apetecíbel, non é? Nós puxeramos eses champis para decorar mais é certo que unha vez degustados na crema comprobamos que encaixan á perfección así que para a próxima será unha crema con tropezóns de picatostes e champiñóns. Dunha ou outra forma, conforman un recurso marabilloso. Forte aperta, amig@s!

2 comentarios:

  1. Mi hijo y yo somos fans de las cremas asi que si nos invitais a comer no dejariamos de haceros la ola , no dudo lo mas minimo que este de rexupete ademas se ve divinsima.
    Bicos mil y feliz domingo wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Siii, vide vide que aínda temos un tupper no conxelador!! Moi fácil e riquísima!!!
      Bicos!

      Eliminar