sábado, 24 de marzo de 2018

Panquecas de avea

Con seguridade que xa almorzastes, mais nós traémosvos xa unha idea para estas próximas mañás nas que talvez teñades algo máis de tempo para fuxir da rutina matutina e sen caer no exceso calórico. Presentámosvos a nosa adaptación saudábel dun clásico estadounidense. A maioría de vós coñeceredes esta lambonada coa denominación castelá, tortita, ou inglesa, pancake. Porén, nós optamos por unha adaptación da segunda forma á nosa fonética, procedemento moi utilizado na lusofonía, onde fomos procurar.
Como adoitan ir acompañadas de chocolate, nata ou crema, nós non quixemos quedar atrás, aínda que, procurando non romper a liña de saudabilidade, optamos por un chocolate puro, que, como sabedes é bastante beneficioso para a nosa saúde. Con todo, é unha cuestión de gustos á hora de decorar este noso almorzo. Ou merenda ;-)



Panquecas de avea



Ingredientes:


  • 250 ml de leite
  • 200 g de avea (integral)
  • 1 cullerada de vainilla
  • Unhas gotas de aceite
Para decorar: 
  • Plátano
  • Chocolate negro


Utensilios: un batedor eléctrico e un vaso batedor, unha tixola e unha espátula. 


Elaboración:


Para comezar, temos de botar no vaso do batedor a avea, o leite e a vainilla. 



Trituramos dous ou tres minutos. 


A continuación, botamos unhas gotas de aceite na tixola, quentámola e engadimos unha pouca da masa anterior. Intentade facelas finas porque así serán máis saborosas ;).


Cando lle comecen a saír burbullas, dámoslle a volta e deixamos que se cociñen 2-3 minutos máis. 


Retiramos para un prato e decoramos con plátano e chocolate fundido, aínda que podemos utilizar outras froitas, ou chocolate con leite, crema de cacao... 


 E xa estarían listas para comer! 


Non é un almorzo para o día a día pois seguramente a maior parte de vós vos levantedes con pouca marxe mais si para eses días máis folgados. De todas formas, como vedes, tampouco vos vai supor un quebradeiro de cabeza, son sumamente fáciles de preparar.
Agora, a papar! Forte aperta, amig@s!

4 comentarios:

  1. Mmm! Ricas y saludables.
    Las probaré :)

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Xa nos contarás que tal, aínda que seguro que che encantan!!
      Apertas!

      Eliminar
  2. Uumm quien las pillara mañana para desayunar ,seguro que están de rexupete.
    Bicos mil wap@s 😘

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Son rapidísimas así que aínda che dá tempo! E son moi saudábeis!!
      Bicos!!

      Eliminar