sábado, 23 de decembro de 2017

Meixela de porco

Moi feliz Nadal, bolboreteir@s. Xa estamos na véspera dunha das noites máis especiais do ano ante a que fomos acumulando receitas especiais durante as últimas semanas e para a que traemos aínda unha outra, aínda que desta volta optamos polo salgado para non esquecermos o eixo central do menú natalicio.
Imos cunha carne exquisita que nos descubrimos hai ben pouco tempo, nun dos mellores restaurantes de Viveiro, e tamén da Mariña, As Tixolas. A meixela de porco é unha delicatessen ideal para lograr un menú que namore nestas festas, acompañándoo, por exemplo, dun marisco e unha selección de sobremesas como o turrón de leite condensada e conguitos ou as galletas do boneco de xenxibre.
O que si, chamounos a atención os problemas para conseguir meixela nas carnizarías coruñesas. Ou máis ben, o problema para que comprendesen a que nos referiamos, unha proba máis da anormalidade lingüística que vivimos, ben evidente no campo gastronómico. Tivemos que tirar de xestos cara ao maxilar da nosa cara para nos entenderen e así dicir "ah! carrillera!". Pois si, ese é o nome polo que o encontraredes na maior parte dos restaurantes. Ai... O caso, presentamos unha verdadeira xoia!



Meixela de porco


Ingredientes:


  • 1 kg de meixela
  • 3 tomates
  • 1 cebola grande
  • 2-3 cenorias
  • 3-4 dentes de allo
  • 1 vaso de caldo de verduras
  • 1 vaso de viño branco
  • 1/2 vaso de brandy
  • 1 culleriña de pemento doce/picante
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite de oliva virxe

Utensilios: unha pota, unha picadora (ou táboa e coitelo) e unha culler de pau. 


Elaboración:


Para empezarmos, temos que adobar a carne co allo picado, o pemento e sal e pementa ao gusto. Deixamos repousar un par de horas, mellor unha noite enteira. 


Pasado ese tempo, temos de dourar a carne nunha pota ben quente cunha gota de aceite. 






Na mesma pota, botamos dúas culleradas máis de aceite e rustrimos a cebola e a cenoria picadas. 


Cando comecen a dourarse, engadimos o tomate, tamén triturado. Mesturamos moi ben e cociñamos 4-5 minutos. 


De seguido, engadimos a carne. 


O brandy, o viño branco e o caldo. Temos que ter a carne case cuberta co líquido. Cociñamos durante 1 hora, aproximadamente. Porén, tedes que comprobar se a carne está ben feita, porque dependendo da calidade pode tardar máis ou menos. E tamén dependerá do voso gusto 😉


Despois, deixamos repousar uns minutos e xa estaría lista para comer!


A pesar de que non fomos quen de captar nunha imaxe o apetitoso desta carne, cremos que o reto consiste en que vos animedes a preparala, ben sexa para mañá, para a noite de fin de ano ou para calquera xantar especial e que realmente comprobedes o cheiro e sabor dun prato de moitísimo nivel. Fica con vós ao tempo que vos desexamos a maior das felicidades nestas festas. Estade moi atent@s ás redes porque nós imos ter sorpresas moi especiais. Unha forte aperta!!!

6 comentarios:

  1. Delicioso!!!

    Gostaría de participar no concurso. A ver se hai sorte

    ResponderEliminar
  2. Uummmmmmmmmm seguro que las carrilleras asi estaban para ponerles un piso ,os han quedado de relujo, fijate que yo no soy de hablar en Gallego y nada mas leer la entrada ya supe que eran carrilleras ,curioso que en las carnicerias de Coruña no os entendieran que carne queriais .
    Os deseo una feliz Nochebuena y Navidad que la felicidad el amor y la salud sea participe en vuestra fiesta.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
  3. Non teño claro si as "carrilleras" son meixelas ou fazulas. Eu escollería fazulas. En calquera caso teñen unha pintaza tremenda. Bo proveito e mellor 2018.

    ResponderEliminar