Bo día, bolboreteir@s! Xa se nos vén enriba o Nadal, aiaiaiai! O Apalpador achégase, agardamos que non teña problema para conseguir as castañas, que este non foi bo ano para os soutos.
Continuamos entretanto, preparando as ceas para estas datas con ideas larpeiras variadas. Hoxe modificamos un clásico. Hai dous anos presentamos un tradicional turrón caseiro con arroz inchado e avelás e tiñamos xa ganas de argallar novas versións.
Unha tiñámola clara, probar con novos chocolates. E tamén xogar un pouco coas cores pois os turróns adoitan ser bastante discretos canto á estética así que tocaba maquillalo un pouquiño dándolle un outro aspecto.
A verdade é que hai turróns comerciais especialmente viciosos e que se fan irresistíbeis mais téndomos tempo e ganas para preparármolo na casa... non hai nada que pensar, verdade?
Adiante!
Turrón
Ingredientes:
- 330 g de chocolate branco
- 220 g de leite condensado
- 100 g de cacahuetes recubertos de chocolate
- 150 g de chocolate con leite
Utensilios: unha cunca apta para microndas, un molde e unha culler.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de trocear o chocolate branco.
Engadímoslle o leite condensado.
Derretemos no microndas a intervalos de 30 segundos até conseguir unha crema homoxénea (vai ser un pouco espesa), engadimos as bolas de cacahuete e mesturamos moi ben.
Botámolo no molde e arrefriamos 5-10 minutos.
Agora, derretemos o chocolate con leite.
E cubrimos a crema con el. Refrixeramos durante 2-3 horas, até que endureza o chocolate.
Pasado ese tempo, desmoldamos e xa estaría listo para comer!!
Agardamos que vos guste e que o poñades en práctica porque vos vai encantar! Nós desfrutámolo intensamente. Tiñamos algo de respecto por como quedaría esa combinación de cores ao ser certamente aleatoria mais ficou co efecto desexado. E canto ao sabor... un turrón ideal para larpeir@s que fará que o Nadal guste a calquera. Boa fin de semana!!
No habeis tardado nada en convencerme no veas como me tentais con la foto del corte no deja de decirme comeme uummmmmmmmm.
ResponderEliminarOs ha quedado de relujo no lo siguiente ademas de estar de muerte relenta .
Bicos mil wap@s.
Merece moito a pena, está delicioso!
EliminarApertas!
Que pintaza. Eu corrixiría o de leite CONDENSADO, porque o leite en galego, é masculino, coma no portugués e francés. Saúdos
ResponderEliminarToda a razón do mundo, erro de escritura ;)
Eliminar