Bo día lambonciñ@s? Moitos de vacacións, non? Pois cómpre desfrutalas ao máximo e aproveitar para lle dedicar un pouquiño de tempo á cociña, e por que non? tamén ás receitas de Bolboretas no bandullo, que seguramente teñades algunha pendente de ben hai tempo.
Ademais, esta maior relaxación que nos traen estas datas, permite que probemos a elaborar na casa algúns dos doces tradicionalmente mercados. Xa sabedes que temos por aí espalladas receitas de polvoróns, mazapáns, rosco de reis... e había unha coa que aínda non probáramos mais que fica xa recomendada tamén: o turrón.
Con todo, non elaboramos o turrón primixéneo, ese típico e rocoso que monopolizaba as sobremesas natalicias hai uns anos. Non, porque na verdade, nós somos amantes dun tipo concreto de turrón, o de chocolate, polo que fomos decididamente a por el. E logramos unha verdadeira larpeirada, contundente, iso si, mais un colofón magnífico para os xantares e ceas que se aproximan.
Turrón caseiro de chocolate con arroz inchado e abelás
- 200 gr de chocolate negro
- 150 gr de chocolate blanco
- 70 gr de manteiga de porco
- 150 gr arroz inchado
- 50-60 gr de avelás
- 1 cullerada de vainilla
Utensilios: molde rectangular (ou unha bandexa plana, mesmo serviría cortar á metada o cartón do leite), papel vexetal (opcional), unha cunca, un coitelo e unha espátula.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de cortar o chocolate en anacos e colocalo nunha cunca. Engadimos a manteiga ao chocolate e derretémolo no microndas, ou ao baño maría.
De seguir, agregamos o arroz inchado e as avelás e integramos todos os ingredientes.
Se queremos, podemos cubrir o molde con papel vexetal para que despois sexa máis sinxelo desmoldar, mais non é necesario. E botamos a mestura anterior.
Refrixeramos até que endureza, aproximadamente unhas dúas horas, e desmoldamos.
Agardamos que vos guste!
Xa vedes que xeitosiño quedou, e que pouco traballo deu. O sabor a chocolate non podemos dicir que fique disimulado, xa que logra concentrar todo o sabor, con eses imprescindíbeis illotes de arroz e froitos secos polo medio.
Xa sabemos que moit@s de vós dedicades moito tempo a preparar o menú do Nadal, mais talvez mereza a pena invertir un bocadiño máis e termos tamén unha sobremesa caseira coa que pechar un menú ideal. Xa nos contaredes, mais seguro que temos novas deste turrón por moitos fogares...
Até sábado non nos lemos así que pasade un Nadal fabuloso e que o Apalpador ou Papá Noel vos traia os agasallos desexados. Unha fortísima aperta!!
Divinisimooooooooooooo si solo ya esta rico con las avellanas tiene que ser lo mas de lo mas.
ResponderEliminarNo me gustaaaa me encantaaaaaaaaaaa.
Te deseo unas felices fiestas y un prospero año nuevo en compañia de tus seres queridos.
Bicos mil wapa.
Moitísimas grazas polas túas palabras! E esperamos que tiveras unhas boas festas e un próspero 2016!
EliminarApertas!