sábado, 9 de decembro de 2017

Cachopo

Bolbo-receita nova, amig@s! Estes días aproveitamos para descansar e tamén para cociñar algúns pratos que tiñamos encaprichados. Un deles presentámosvolo hoxe despois de nos decatar que a pesar da distancia non temos nada ou case nada da cociña asturiana. Vaia, que despistados coa de xoias veciñas que temos. Por aquí encontramos sabores da India, do Brasil, de Alemaña, de Cataluña así que xa era hora.
E tiramos dun clásico, do cachopo, que nos conquistou aínda que debemos ser sinceros e confesar que non o podemos comparar co dun asturiano pois nunca o probamos aló. Sexa como for, estamos perante un prato contundente, só apto para valentes, ou máis ben para xente con fame, e cuxo nome provén da suposta similitude con castaños vellos e ocos das montañas de Asturias.  Xa hai referencias á súa existencia antes da chegada da Ilustración á Península mais alcanzou máis sona a mediados do XX. A nós sempre nos recordou aos clásicos sanxacobes, comúns na etapa infantil, aínda que cremos que gañan os asturianos por KO canto a potencia.
Sen moita complexidade pero si ánimo de conquistar, deixámosvos coa elaboración:


Cachopo


Ingredientes (para cada cachopo):


  • 2 filetes
  • 1 lasca de xamón
  • 1-2 lascas de queixo
  • 2 dentes de allo
  • Pementa moída
  • Pan relado
  • 1 ovo batido
  • Aceite de oliva


Utensilios: unha tixola, papel absorbente e un garfo.



Elaboración:


Para comezarmos, temos que adobar os filetes co allo picado e a pementa. Normalmente, os cachopos fanse con filetes de tenreira mais, neste caso, decidimos facer algún con tenreira e outros con peitugas de polo, para que teñan un sabor máis suave. 


Colocamos un filete como base e, despois, unha lasca de xamón. 


Cubrimos con queixo. 


E co outro filete.  Se vedes que quedan moi grandes, podédelos partir ao medio 😉.









De seguir, pasámolos polo ovo batido.


E, tamén, polo pan relado. 



Neste punto temos dúas opcións: conxelalos e gardalos para ter de reserva ou fritilos nunha tixola con aceite ben quente, unhas 5-6 culleradas. 


Poñémolos sobre papel absorbente para eliminar o exceso de aceite. 


E xa estarían listos para comer! 


Podémolos que acompañar con patacas, ensalada, pan... ou co que máis vos guste 😜


Aquí tedes unha idea non para o Nadal senón para calquera día do ano que vos sintades con ganas de homenaxe ao bandullo. Como vedes, dificultade non ides ter moita e recompensa, si! Adiante con ela. Pasade unha moi boa fin de semana. Forte aperta!!!

2 comentarios:

  1. Adoro el cachopo lo comeria dia si y dia tambien uummmmmm os librais por que no puedo meter la mano que si no os dejaba el plato requete limpio , como me tentais pecadores jis jis.
    Bicos mil y feliz semana wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A nós tamén nos encanta, sobre todo, o de polo, hahaha!! É unha delicia sempre!
      Apertas e grazas por pasarte!

      Eliminar