martes, 12 de decembro de 2017

Bolachas de Suchard

Aínda que o poda parecer, a intención desta receita non é promocionar a marca suíza de turróns aínda que si é verdade que, para nós, está moi riba de calquera outra, exceptuando o turrón caseiro, claro.
Así pois, onte tiñamos ganas de preparar unhas bolachas, a idea primeira era facer os tradicionais bonecos de xenxibre mais finalmente quedounos o molde en Viveiro polo que optamos por outras mais procurando o fío do Nadal.
Ollando o que había pola lacena chegamos ao prezado Suchard e chas! idea! Para a próxima probamos cos bombóns Lindt, hahaha. Ben, pois mans á obra seguimos un patrón similar ao das cookies coa intensidade que sabiamos ía dar a estrela da repostaría natalicia e así foi.
A pesar de que non teñen complexidade, botádelle un ollo á receita para seguirdes un consellos fundamentais. Aí vai:



Bolachas de Suchard


Ingredientes:


  • 250 g de suchard
  • 250 g de fariña de trigo
  • 100 ml de aceite de oliva suave
  • 50 g de azucre moreno
  • 1 ovo
  • 1 cullerada de vainilla



Utensilios: unha cunca grande, un vaso, unha culler, papel vexetal e transparente e unha bandexa para o forno. 


Elaboración: 


Para comezarmos, temos de triturar o suchard, podemos deixar algún anaco máis grande para encontralo mentres as comemos ;)


De seguir, engadímoslle o ovo e mesturamos moi ben. Reservamos.










Nun vaso, batemos o aceite co azucre e agregámosllo á mestura de ovo e turrón.










A continuación, imos botando a fariña, pouco a pouco, até conseguir unha masa homoxénea.


Metémola nunha bolsiña de plástico ou en papel transparente e refrixeramos, como mínimo, 30 minutos.


Despois, estiramos a masa cun rolete e dámoslles a forma que máis nos guste. Nós, neste caso, fixemos, estrelas, que son moi natalicias. Recomendámosvos deixar as galletas dun grosor de 1 cm, porque saberán mellor se son máis grosas ;)










Enfornamos, co forno prequente, a 180º, calor arriba e abaixo, e o tempo dependerá do grosor; se son finas 8 minutos serán suficientes mais se son máis gordiñas 11-12 minutos. Tede coidado que se fan enseguida e estas quedan máis deliciosas máis brandas.


Deixamos que arrefríen un pouco e xa estarían listas para comer!


Agora xa só queda preparalas, ben sexa para adiantar o Nadal ou para esas mesmas xornadas como alternativas a outras sobremesas. Eses días o exceso está permitido e se hai cinco tipos de larpeiradas ou sete na mesa, ninguén se vai pór nervioso, haha. A desfrutar, bolboreteir@s, sede moi felices :-)

2 comentarios:

  1. Uummmmmmmmmmm como teniana que estar esas estrellas ,seguro que fueron vistas y no vistas para no variar me teneis babeandooooooo.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar