martes, 5 de decembro de 2017

Biscoito veloz do boneco de xenxibre

Bo martes, bolboreteir@s! Como vai todo? nós xa retornados dun blogtrip ben interesante por Granada do que xa vos contaremos con máis detalle mais no que aprendemos moito, sobre todo de alimentación infantil, un campo que ten moito de interesante e moito por correxir.
Entretanto, seguimos coas receitas natalicias cunha que lle tiñamos moitas ganas despois de benquerido escritor e bolboreteiro Miro Villar nos lanzar un reto a semana pasada para a creación dun boliño en menos de tres minutos. Xa preparáramos algo similar hai ben tempo (biscoito fugaz) mais agora non desperdiciamos a oportunidade e puxémonos ao labor relacionándoo coa época que se nos aproxima e que tanto adoramos, o Nadal.
Ben, pois non sei se tardamos menos de tres minutos na preparación deste biscoito saboroso mais pouco mais tempo nos levou. O que si, o cociñado no micro non pasou de dous minutos. A cociña tenvos moito de máxico, quen podería pensar que nuns poucos minutos logramos unha delicia con sabor a xenxibre sen apenas traballo? Pois aquí tedes a indicacións para o lograr. Preparados? Adiante!



Biscoito veloz do boneco de xenxibre


Ingredientes:

  • 4 culleradas de fariña
  • 4 culleradas de leite
  • 3 culleradas de azucre avainillado
  • 1 culleriña de lévedo
  • 1/2 culleriña de xenxibre
  • 1/2 culleriña de canela
  • 1 ovo
  • Para decorar: nata montada, canela e algunha figuriña natalicia. 

Utensilios: unha taza, unha culler, un garfo e un microndas. 


Elaboración:


Para comezarmos, temos de mesturar a fariña, o azucre, o lévedo, o xenxibre e a canela. 



A continuación, engadimos o ovo e o leite. 


Mesturamos moi ben até que se integren todos os ingredientes. 


Metemos no microndas a máxima potencia durante 1 minuto e 30 segundos.  O normal é que no micro suba moito o biscoito e ao sacalo baixe un pouco.


Decoramos coa nata montada e a canela.


Agardamos que vos guste 😃


Con esta receita podemos solucionar un almorzo nuns momentos. É dicir, levantámonos co capricho e se dispomos dun cuarto de hora (para ter algo de marxe) podemos crear unha larpeirada fugaz. Un biscoito moi diferente aos que tiñamos en mente cun toque natalicio fundamental que conquistará corazóns e bandullos. Forte aperta, amig@s!

4 comentarios:

  1. Estos bizcochos son ideales para cuando tienes antojo de algo dulce y no tienes nada a mano o no quieres pecar mucho jis jis.
    Una pena no poder catar un poco seguro estaba de rexupete.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
  2. E non pode ser sen microondas? É que eu ese electrodoméstico non o quero na casa. Xa me abondará comer o que feito nel me sirvan fóra.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Teríaño que facer nun molde apto para forno e seguro que lle leva un chisco máis de tempo!
      O microndas se se utiliza ben, podemos facer cousas deliciosas! O malo é cando se abusa del e “estropeamos” o produto... 😉

      Eliminar