martes, 14 de novembro de 2017

Gambón ao curry con panko

Bo martes, bolboreteir@s!! Hoxe traemos unha receita sinxela mais para xornadas especiais pois poucas veces se procura excusa para degustar delicias como a que aquí presentamos. Non para todos os días tampouco polo prezo xa que non nos podemos permitir comer marisco acotío (aínda que non estaría mal ;-o).
Hai un par de anos preparáronnos esta mesma receita uns amigos moi especiais e tamén moi lambonciños, sendo este o noso primeiro encontro co panko. Como se dan moi boa maña para a cociña ficamos marabillados co prato e prometimos reproducilo. Foi ficando aprazado mais esta semana pasada, coa visita destes mesmos amigos, decidimos que era o momento.
O panko, para @s que non coñecedes, procede dun pan xaponés elaborado de forma óhmica e que fica idóneo para ser relado despois. Ademais da textura, máis gorda que o pan relado que coñecemos, achega uns matices do máis interesante. Aquí o tedes!



Gambón ao curry con panko



Ingredientes (para 4 persoas):

  • 1 kg de gambón
  • 1 cullerada grande de curry (picante)
  • Pementa moída
  • Sal
  • Panko (ou pan relado)
  • Fariña
  • 2 ovos
  • Para acompañar: maionesa con allo, algunha salsa picante, de curry etc. 

Utensilios: 3-4 platos, unha tixola, papel absorbente e un garfo. 


Elaboración:

O que primeiro debemos facer é pelar o gambón e adobalo coa cullerada de curry, a pementa moída e o sal ao gusto. Deixámolos repousar, como mínimo, 15-20 minutos para que colla ben on sabor. 


De seguir, pasamos o gambón pola fariña.


Logo, polos ovos batidos. 


E, tamén, polo panko. 




Por último, fritímolos en dous dedos de aceite até que queden ben crocantes, pasámolos a un prato cuberto con papel absorbente. 


E servímolos nunha fonte (ou prato) acompañados dalgunha salsa que vos guste 😉


Agardamos que vos guste e que os faigades nestas festas que están chegando 😚😋


Neste caso, por moi boa pinta que teña ou tivera a imaxe non se achega á realidade pois os gambóns saíron moi bos e con esta elaboración gañaron aínda máis. E claro, cunha mahonesa allada para acompañar xa non faltaba nada máis. Tremenda delicia, bolboreteir@s!
Desfrutade e tede unha semana do máis feliz! Fortes apertas!

Ningún comentario:

Publicar un comentario