Bo día, bolboreteir@s! Traemos a segunda parte da receita do pasado martes. Da salsa tahini pasamos ao hummus, a súa concreción máis sonada. Este prato de orixe árabe estáa ganar visibilidade a pasos axigantados na gastronomía europea, entre outros motivos por ser un recurso moi habitual na alimentación vegana xa que é altamente nutritivo.
A elaboración é moi sinxela aínda que o resultado debe ser cremoso e non fiar en cemento de garavanzos (tal e como ten afirmado El comidista).
O produto máis complexo de conseguir para o preparar é precismente a salsa tahini xa que non a hai en moitos estabelecementos, de aí a nosa recomendación de preparar tamén na casa, tal e como mostramos o pasado martes (receita aquí). Non pensedes que por ser dúas receitas, imos deixar moito tempo polo camiño... ao contrario. Aquí o tedes!
Hummus
Ingredientes:
- 400 g de garavanzos cocidos
- 2 culleradas de aceite
- 1 cullerada de zume limón
- 1 cullerada de salsa tahini
- 1 culleriña de comiño
- 1 culleriña de pemento
- 1 culleriña de ourego
- Pementa moída
- Sal
- Para acompañar: tostas, verduras...
Utensilios: unha trituradora e unha cunca.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de botar na picadora os garavanzos e o tahini.
O comiño, o pemento, o ourego.
O aceite, o limón, o sal e a pementa.
Trituramos moi moi ben e servimos acompañado dunhas verduras ou unhas tostas de pan. Nós, neste caso, utilizamos unhas Mariñeiras de chía, ás que non nos puidemos resistir candos as vimos no super. Se o desexades, podedes utilizar pan de pita, unha das formas tradicionais do Líbano para degustar o hummus.
Agardamos que vos guste e que a poñades en práctica. Ademais, pódese gardar no frigorífico e teremos unha cea rápida e moi saudábel para calquera día ;) Unha fortísima aperta, amig@s!
Ningún comentario:
Publicar un comentario