sábado, 18 de novembro de 2017

Torta multicolor

Larpeiros, larpeiras, estades preparad@s? Hoxe traemos unha receita espectacular que fica xa na historia das dozuras desta casa e que agardamos pase tamén á historia de Bolboretas no bandullo pois cremos que vos vai namorar.
Ben, antes de nada cómpre recoñecer que o principal aspecto co que nos cautiva esta torta é o estético pois o brillo e degradación de cores vivos dan ganas de ficar ollando horas para a torta. Mais claro, unha sobremesa así non pode fallar no fundamental polo que dedicamos empeño para que fose unha delicia inigualábel. E si, podemos ficar satisfeit@s xa que se logrou o obxectivo con creces. Entre oito papamos a torta dunha vez. E porque disimulamos senón cremos que a poderiamos degustar nós nos, hahahaha.
Na realidade era unha torta especial ao ser para o 28 aniversario de quen a preparou e non se podía escatimar na autohomenaxe.
Deixámosvos que comprobedes o proceso para lograr esta marabilla.  




Torta multicolor


Ingredientes:


Para o biscoito:
  • 300 g de manteiga
  • 300 g de azucre
  • 270 g de fariña
  • 60 g de cacao
  • 1 sobre de lévedo en po
  • 6 ovos
Para o almibar:
  • 150 ml de auga
  • 150 g de azucre
  • 1 cullerada de aroma/pasta de framboesa
Para o recheo:
  • 150 g de azucre glas
  • 150 g de manteiga
  • 1 culleriña de aroma/pasta de framboesa
Para a decoración:
  • 250 g de manteiga
  • 250 g de azucre glas
  • 2 culleradas de aroma de vainilla
  • Colorantes
  • Boliñas de cores

Utensilios: un molde alto, un batedor eléctrico, varias cuncas e culleres. 


Elaboración:


Para comezarmos, temos de facer o biscoito. Para iso, batemos a manteiga co azucre. 


De seguir, engadimos os ovos, un a un. 


Cando estean integrados, mesturamos a fariña co cacao e o lévedo e incorporámolos pouco a pouco.


Botamos a mestura nun molde, previamente engraxado con manteiga e fariña.


Forneamos, a 170º, calor abaixo e ventilador, durante 1 hora, aproximadamente. Deixamos arrefríar un pouco.


Mentres tanto, facemos o zume co que imos emborrachar ao biscoito. Para iso, fervemos o azucre coa auga durante 2-3 minutos. Retiramos do lume e, pasados 5 minutos, engadimos unha cullerada do aroma de framboesa. Nós utilizamos aroma en pasta e por iso lle dá ese ton rosa; se utilizades aroma transparente, saberá igual mais non terá esa cor.










Cando o biscoito estea morno, sacámolo do molde e cortámolo en tres partes. Nós quitamos a parte superior para que nos quedase recto, ese biscoito sobrante utilizámolo para facer unhas piruletas de chocolate.


Coa axuda dun pincel, emborrachamos ben o biscoito e deixámolo repousar.


Agora aproveitamos para facer o recheo da nosa torta. Co batedor eléctrico mesturamos o azucre glas coa manteiga durante, aproximadamente, 5 minutos, temos que conseguir unha crema.


Despois, agregamos o aroma de framboesa. Coa cor, pasa igual que co líquido de emborrachalo. Neste caso, podedes utilizar un pouco de colorante para que o corte da torta sexa máis chamativo. 


Colocamos no molde a primeira capa de biscoito e cubrimos con metade da crema. 


Tapamos e facemos o mesmo coa seguinte capa. Cubrimos coa última parte do biscoito e refrixeramos.


Agora temos que preparar a crema para a decoración. De novo, batemos a manteiga co azucre até obter unha crema. De seguir, separamos en tres cuncas (ou en tantas coma cores utilicedes). Engadimos o colorante, nós utilizamos rosa e azul e, para o último, mesturamos rosa e azul para conseguir lila. 


Chegou a hora de decorar a nosa torta! Nós para a parte superior escollemos o rosa. Estendémolo ben.


Despois, azul e morado para os laterais. Botamos unha capa xenerosa, aquí é normal que se mesturen un pouco, polos laterais. 


E, coa axuda dunha espátula, estendémolos. Aquí temos que ir pouco a pouco e ir retirando a crema sobrante da espátula para que nos queden unhas cores máis limpas e non se mesturen tanto. 













Engadimos unhas bolas de cores ou purpurina alimenticia por arriba e refrixeramos durante, polo menos, 4-5 horas, mellor unha noite enteira. 


Pasado ese tempo, xa está preparada para comer! Asegurámosvos que ese ton que lle dá a framboesa vos vai sorprender moito, recordaravos a algunha golosina e levaravos de excursión sensitiva á infancia ;) 


E, aínda que teña varios pasos, é moi sinxela de facer! Podedes aproveitar para facela acompañad@s e así será máis divertido. Dunha forma ou outra, estamos perante unha das nosas sobremesas favoritas desde o primeiro bocado ficándomos asemade, contentísimos co resultado colorido tan rechamante desta torta.
Agora si, é o voso momento. Atrevédesvos? Si! Unha fortísima aperta!! 

2 comentarios:

  1. Si lo se no vengo me marcho toda babeadita ains que tentadores sois lobiños no dejais de ponerme los dientes largos con las cosas ricas que haceis ,tenis suerte de que no os tenga cerca que si no me teniais en casa dia si y dia tambien.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Hahaha! Podes vir cando queiras, xa o sabes!!!
      Apertas!!

      Eliminar