martes, 4 de xullo de 2017

Tumbet mallorquino

Ola, bolboreteir@s!! Como levades a semana? Supomos que moit@s de vós de vacacións e outr@s, coma nós, estaredes agardando a que chegue o tempo de descansar. E máis se veñen días de sol coma o de onte e tamén hoxe, que ganas de praia!!
E como por aquí xa temos as vacacións reservadas a unha das nosas terras favoritas (tamén porque alí temos familia), decidimos preparar un dos seus pratos máis tradicionais, especialmente no verán. Si, estamos a falar do tumbet típico mallorquino.
Como é de agardar nos menús mediterráneos, as verduras son as protagonistas, aínda que aquí a atención culinaria é repartida entre tomates, pementos, berenxenas e patacas a partes iguais. Vaia prato tan completo e tan saboroso!
Velaquí o tedes:



Tumbet mallorquino


Ingredientes (para 2 persoas):


  • 2 patacas
  • 2 tomates
  • 1 berenxena
  • 1/2 pemento vermello
  • 1 pemento verde
  • 4-5 dentes de allo
  • Aceite de oliva
  • Pementa moída
  • Alfábega
  • Sal
  • 1 chile (opcional)

Utensilios: 2-3 tixolas, 2 culleres, un ou dous pratos con papel absorbente, unha táboa e un coitelo (e mandolina) e un prato para presentar. 


Elaboración:


Para comezarmos, temos de facer a salsa de tomate. Para iso, quentamos unha cullerada de aceite e engadimos os tomates, cortados en anacos. Sazonamos con pementa moída e sal e deixamos que se cociñen a lume medio. 


Mentres tanto, rustrimos, tamén en dúas culleradas de aceite, os pementos cortados en xuliana. Adobamos, de novo, coa pementa e o sal e, de ser o caso, co chile. 

Cando estean listos, engadímolos á salsa de tomate e deixamos que se sigan cociñando a lume baixo mentres preparamos o resto dos ingredientes. Agregamos unha pouca de alfábega.

Mentres tanto, cortamos as patacas en láminas coa mandolinan ou coa táboa e un coitelo ben afiado. E rustrímolas en abundante aceite con allo. Os allos botámolos enteiros mais previamente aplastámolos co coitelo. 




Cando as patacas estean listas, poñémolas nun prato con papel absorbente para eliminar o exceso de aceite. Sazonamos con pementa moída e sal. 


Mentres se fríen as patacas, cortamos en lascas as berenxena e facémolas nunha tixola cunha gota de aceite. Sazonamos con pementa moída e sal. 


 E chegou a hora de montar o noso prato! Empezamos poñendo unha capa de pataca. 


 Sobre ela, unha de berenxena. 


E, finalmente, unhas culleradas de salsa de tomate. 


 E xa estaría listo para comer! Agardamos que vos guste e que o faigades na casa porque é delicioso!


Quedounos tan xeitoso... Cando vaiamos alá probaremos o que fan mais xa vos dicimos que ten difícil superar este que preparamos e que resultou todo un éxito.
Ademais, encántanos descubrir pratos coma estes que chaman con forza á porta dos nosos menús recorrentes por aspectos económicos e por suposto culinarios. De probardes, comprobarédelo vós mesmos.
Unha forte aperta, amig@s e que sexades moi felices! 

2 comentarios:

  1. Totalmente de acuerdo os ha quedado un plato de lo mas xeitoso ademas de rico mi hijo y yo no dejariamos de haceros la ola si nos servis un plato.
    Uummmmmm seguro que estaba para ponerle un piso.
    Yo aun tengo que trabajar este mes hasta agosto no tengo las vacaciones pero ando bastante liada ya empezaron a venir familiares de vacacipones y todo el tiempo es poco para disfrutar de ellos, espero que esteis disfrutando del veranito.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Vide, vide! Que unha visita é unha boa excusa para volver preparar este plato!!
      Nós este mes tamén temos algo de traballo, mais xa rematando haha!
      Un bico guapa e grazas por pasarte!!

      Eliminar