sábado, 27 de maio de 2017

Tortaleta de choconata

Bolboreteir@s, imos rematando maio e achégase o verán aínda que a nós aínda nos queda a etapa de máis apuro, mais sempre cumprindo con este blogue que tanto nos leva dado. Hoxe continuamos co noso afán de inzar a rede de vídeos en galego, concretamente de vídeos gastronómicos e presentamos unha outra vídeo-receita, chea de dozura e que podemos alcanzar con moi pouco esforzo.
Desta volta nós preparámola para unha encarga que nos fixeron mais, como non, probamos o que iamos facendo e a verdade é que sobrepasaba as cotas máis altas de sabor pois certos ingredientes mesturados dan o mellor de si.
Sabedes o que nos encanta cociñar mais cando nos metemos coas tortas a verdade é que perdemos a cabeza. Non é comida para todos os días mais unha boa torta é sinónimo de festa, de celebración arredor da maxia que ofrece a gastronomía máis doce.
E despois desta introdución deixámosvos o camiño audiovisual: https://www.youtube.com/watch?v=IdS-l37o9GII , e o camiño da escrita. Agora, ao voso gusto. O caso é que a desfrutedes!


Tortaleta de choconata


Ingredientes:


Para a base:
  • 300 g de galletas
  • 170 g de manteiga
  • 1 cullerada de azucre moreno
  • 1 chisco de sal
  • 1 cullerada de manteiga (para o molde)

Para a crema de cacao:
  • 375 ml de nata
  • 300 g de crema de cacao
  • 200 g de queixo de untar
  • 150 g de azucre
  • 1 cullerada de vainilla

Para a nata:
  • 250 ml de nata
  • 150 g de azucre

Para decorar:
  • 6-7 galletas de chocolate
  • Boliñas de chocolate branco e negro


Utensilios: dúas cuncas, un batedor eléctrico, unha espátula e un molde apto para o forno.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de facer a base da torta. Para iso, trituramos as galletas e mesturámolas coas manteiga derretida, o azucre e o chisco de sal. 


Estendemos a masa sobre un molde engraxado con manteiga.


Enfornamos, co forno prequente, a 180º, calor arriba e abaixo, durante 15 minutos. Deixamos que arrefríe completamente.


Mentres tanto, podemos preparar a crema de cacao. Montamos a nata e reservámola.


Batemos o queixo crema e agregámoslle o azucre. Mesturamos até que se integre.



De seguir, botamos a vainilla e a crema de cacao e continuamos batendo.


Logo, coa axuda dunha espátula e con movementos envolventes, imos integrando a nata con esta crema de queixo e chocolate. Reservamos. 


A continuación, batemos a nata co azucre. Reservamos.








Cando a base estea totalmente fría, botamos sobre ela a crema de queixo, crema de cacao e nata. 


Sobre ela, estendemos a nata.


E, por último, decoramos coas galletas e as boliñas de chocolate. 



Refrixeramos, polo menos, durante 4-5 horas, mellor unha noite, para que asenten ben os sabores e xa estaría lista para comer!!


Agardamos que vos guste e que a fagades na casa porque, como vedes, é moi sinxela de facer.


Ten bo aspecto, non é? Pois tede en conta, que á marxe do tempo de arrefriar, podedes lograla en menos dunha hora sen dificultade ningunha. É apta para todo tipo de cociñeir@s! E sobre todo, para todo tipo de lambonciñ@s! Pasade boa fin de semana e sede moi felices!!!

2 comentarios:

  1. Con lo lamboreteira que soy no os imaginais lo que estoy pasando por no poder dar cuenta de un trocito seguro que esta de muerte relenta no lo siguente.
    Os ha quedado de relujo.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Sii, estaba deliciosa!! A verdade é que se acabou nun momento!!!
      Mil grazas por pasarate!!
      Bicos!!

      Eliminar