martes, 30 de maio de 2017

Brazo de xitano de chocolate

Seguimos de doce. Pasamos unha tempada en que apenas coincidiron tortas e doces e agora, por uns motivos ou outros, estamos a facer de Bolboretas no bandullo unha oda ao azucre e ao chocolate. E claro, tamén ás lambonadas.
Non é a primeira vez que preparamos un brazo de xitano, que para nós sempre é aposta segura, mais desta volta fixemos un especial para @s comensais, especialmente chocolateir@s. A pesar de que non é a sobremesa máis lixeira pola potencia de cada porción, fixémola desaparecer nun abrir e pechar de ollos. 
Desde aquí, aínda que estramos na fase final do curso e tamén na de última preparación para as ansiadas oposicións, damos por comezada a etapa de festas. E xa sabedes, en Galiza todo se celebra comendo, devorando. Deberemos ir facendo acumulación de recursos entón para estar preparados ante os festexos que veñen. Velaquí un ben saboroso!



Brazo de xitano de chocolate


Ingredientes:



Para o biscoito:
  • 200 g de azucre
  • 90 g de fariña
  • 50 g de cacao
  • 50 ml de aceite
  • 6 ovos
  • Un chisco de sal
  • 1 culledada máis de cacao

Para o recheo:

Para a decoración:
  • 50 ml de nata
  • 50 ml de chocolate con leite
  • Cacao en po
  • Boliñas de chocolate

Utensilios: unha cunca, un cazo, unha espátula, un batedor manual, unha peneira (opcional), unha bandexa de forno e papel vexetal. 


Elaboración:

O que primeiro debemos facer é o biscoito. Para iso, mesturamos o cacao, a fariña, o sal e o lévedo. Reservamos. 



Por outro lado, batemos os ovos co azucre. 


De seguir, á crema de ovo e azucre, ímoslle engadindo a mestura anterior. 



Despois, cubrimos unha bandexa de forno con papel vexetal e estendemos a crema do biscoito. 



Enfornamos a 180º, calor abaixo e ventilador, durante 10-12 minutos. 


Logo, empoamos outro papel vexetal co cacao en po e colocamos o biscoito enriba. Tapámolo cun pano húmido e reservamos. 


Mentres tanto, facemos a trufa (receita aquí). Cando arrefríe un pouco o biscoito, estendemos unha capa de trufa. 


E enrolámolo con moito coidado, non vos preocupedes se rompe un pouco, é o normal. 


Agora empezamos coa decoración. Fervemos a nata, retiramos do lume e engadimos o chocolate e remexemos que se disolva completamente.  







Empoamos o biscoito con máis cacao e facemos uns debuxos co chocolate fundido. 


Colocamos unhas bolas de chocolate e uns fídeos. 


Refrixeramos, polo menos, 2-3 horas e xa estaría listo para comer!


Se sodes chocolateadit@s, tédelo que facer que seguro que vos encanta 🤤🤤😋😋. 


A que apetece meterlle o dente? Pois é un desexo relativamente fácil de cumprir. Precisades un oco para o elaborar, fame e ganas de meter as mans na masa. Xa veredes, como vos ides pór, amig@s!
Deixámosvos pois cunha nova lambonada e animámosvos a seguirdes xogando coa comida e desfrutando dela. Unha fortísima aperta!

2 comentarios:

  1. Jooo peeeeee si ya me habiais tentado poco con la torta de crema de cacao ahora me rematais con este brazo de jitano de chocolate ,una de dos o me enviais un caxito o dejo de venir a veros por que no hay manera de que me vaya sin que me pongais los dientes largos jis jis.
    De relujo no lo siguiente ademas de estar de muerte relenta , estoy por empadronarme en vuestra casa avisoooooooo jajaja.
    Bicos mil y feliz semana wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Hahahahaha! Esta tempada estivemos moi larpeir@s, témolo que recoñecer, ideal para a "operación biquini" 🙄🙄🤣
      Saúdos!!

      Eliminar