sábado, 10 de decembro de 2016

Revolto de gambas e espárragos verdes

Avante coa finde, bolboreteir@s! Após un semana ben estraña con tanto feriado de por medio, chega o sábado de receita cun prato xa pensado para os menús especiais das vindeiras datas natalicias. Como procuramos que Bolboretas no bandullo sirva de inspiración ou de axuda para as vosas creacións, imos pensando xa nese Nadal que se aproxima á velocidade da luz.
E como talvez teñades pensado incluír como pratos fortes algunha carne ou peixe, nós matinamos nun entrante no que a verdura sexa ingrediente chave, neste caso a través dos nosos benqueridos espárragos verdes ao que tanto nos afeccionamos ultimamente. Un revolto era unha das mellores opcións pois dá lugar a todo tipo de variantes admitindo moi diversos produtos. Con todo, parece que aquí a combinación levou a unha fusión de sabores exquisita! Estaban agardando uns por outros, haha.
Dificultade do prato... mínima. Así que, xa sabedes, na Noiteboa ou Fin de Ano, podedes deixar a preparación deste prato ao máis inexpert@ cociñeir@ da casa. Así sentirase importante na configuración do menú e talvez lle colla mesmo gusto a isto ;-) Aí o tedes!


Revolto de gambas e espárragos verdes


Ingredientes (para dúas persoas):

  • 200 g de gambas
  • 5-6 espárragos
  • 1/2 cebola
  • 2-3 dentes de allo
  • 1 chile
  • 1 ovo
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite de oliva

Utensilios: unha tixola, un coitelo e unha culler. 

Elaboración:

Para comezarmos, quentamos dúas culleradas de aceite e engadimos os dentes de allos laminados e o chile. 



Cando empece a dourar, engadimos a cebola picadiña. 



Cando a cebola se cociñe un pouco, engadimos as gambas. 


Tamén os espárragos, cortados en anacos. Botamos sal e pementa ao gusto e deixamos que fagan, aproximadamente 8-10 minutos.


 Pasado ese tempo, botamos o ovo e mesturamos moi ben até que se cociñe o ovo. Nós facemolo así, en lugar de engadir o ovo xa batido porque queda máis saboroso o revolto. 



Servimos nunha fonte ou xa nos pratos e xa estaría preparado para comer! Agardamos que vos guste! 


Intuídelo saboroso, non é? Pois para o comprobardes, xa sabedes. Toca dardes unha volta polo supermercado, collerdes o necesario e seguirdes os pasos. Non ten dificultade ningunha ;-)
Por certo, agardamos que gustedes do novo deseño da páxina para esta época natalicia na que a figura do Apalpador se torna central :-) Pasádelle o rato por riba a ver se vos deixa unhas castañas, haha. Unha forte aperta, amig@s!

2 comentarios:

  1. Uummmmmmmmmmmmmmm seguro que estaba de rexupete a mi me encantan los revuetos asi que te dejaria el plato requete limpio.
    Como siempre receta y presentacion son de 20 points.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar