sábado, 29 de outubro de 2016

Ósos de santo

Bo día, amig@s! Preparad@s para o Samaín! Tedes a vosa caveira ou calacú xa preparada? Recordade que se son da casa e non estropeades por dentro as podedes aproveitar para facer larpeiradas ben interesantes aínda que estas non son as que hoxe levan o protagonismo senón un doce non orixinario da Galiza mais que xa podemos considerar tradicional posto que levan anos consagradas nas nosas pastelarías. Resulta complexo pasar estas semanas por diante dunha que non teña os famosos ósos de santo.
Encóntranse tanto aquí como nos demais territorios do estado e non están vinculados ao Samaín nin a Halloween senón á festividade de Defuntos e Todos os Santos, de tremenda relevancia na nosa cultura polo apego aos mortos. De todas formas, encaixan moi ben tamén na temática terrorífica destes días con esa denominación tan curiosa que alude ao parecido cos membros do esqueleto. Porén, é unha paradoxa ben curiosa a de os santos teren ósos... 
Nós fixemos unha primeira tentativa e, aínda non quedando coa estética de perfección típicas das pastelarías, si deixaron a dozura no noso padal durante un bo tempo. Preparámolos co recheo orixinal, a crema de xema, aínda que tedes mil e unha opcións diferentes. Aí vai!


Ósos de santo


Ingredientes:


Para os ósos:
  • 130 g de améndoa tostada moída
  • 70 g de azucre
  • 35 ml de auga
Para o doce de xema:
  • 4 xemas
  • 100 g de azucre
  • 50 ml de auga


Utensilios: unha pota, un cazo, unha cunca, un batedor, unha espátula, un pau de madeira ancho, unha manga pasteleira e papel de forno.


Elaboración:

Para comezarmos, temos de facer os ósos de santo. Poñemos nun cazo o azucre e a auga, quentamos até que fervan e retiramos do lume.


De seguir, engadímolo á améndoa e mesturamos moi ben. Nós, neste caso, escollimos améndoa tostada, sen sal, para que tivera máis sabor e así probar e a verdade é que nos encantou. 



Traballamos un pouco a masa coas mans, tennos que quedar dura e algo pegañenta. Tivemos que engadir un chisco máis de améndoa para que quedara perfecta, iso dependerá da améndoa que utilicedes.


A continuación, estirámola coa axuda dun rolete sobre papel vexetal e dividímola en cadrados, máis ou menos iguais. Se lles queredes facer as formas, tedes que usar un pau un pouco ancho. Nós non llos fixemos, só probamos para mostravos como se facía ;).





Despois, co mesmo pau, imos enrolando os cadrados até facer cilindros e cos dedos apretamos para que non se abran. 


Como nos sobrou unha pouca de masa, tinguímola con colorante violeta e fixemos ósos de dúas cores para que foran máis vistosos. 


Agora, debemos deixar que sequen un pouco, aproximadamente 1 hora. Pasado ese tempo, facemos o doce de xema. Empezamos fervendo a auga co azucre, coma fixemos antes. 


E engadímosllo ás xemas xa batidas, sen deixas de remover para que non callen.



De seguir, poñemos a cunca ao baño maría e imos remexendo até que a masa espese, aproximadamente 20-25 minutos. Despois, retirámola do lume e mesturamos un pouco máis para que perda unha pouca de calor. 



Botamos a masa nunha manga pasteleira e imos reenchendo o ósos de santo. 


Deixámolos repousar un pouco máis e xa estarían preparados para comer!! Agardamos que vos gusten e que os poñades en práctica. 


Para ser a primeira vez, cremos que non tivo queixa, aquí desapareceron nun abrir e pechar de ollos. Mesmo dubidamos se tivera sido algunha pantasma... Mais non, debimos ser nós que somos moi lambonciñ@s! Deixámosvos con esta idea para pór en práctica nestes días de ponte e con esta nova imaxe de Bolboretas no bandullo tan samaínica :-) Apertas doce-terroríficas!

2 comentarios:

  1. Bueno no sabes como me estoy poniendo de babas con todas las cosas ricas que me he perdido aunque ya las he ido viendo por instagran jis jis.
    Seguro que estaban de rexupete no lo siguiente para ser los primeros que has echo te han quedado de relujo.
    Bicos mil wapos.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Si, para ser os primeiros non tiveron queixa, mais temos que mellorar á estética 😂😂! Mil grazas e un bico!

      Eliminar