martes, 25 de outubro de 2016

Carballo, bocado a bocado

Bo día, amig@s! Hoxe deixamos as receitas a un lado mais non a gastronomía. Como xa fostes vendo nas redes sociais, esta fin de semana visitamos Carballo e fixémolo cunha clara intención, desfrutar dos seus sonados produtos e do Dálle un bocado ao Fiot (Festival Internacional Outono de Teatro). O concello decidiu contar connosco para un percorrido que resultou do máis saboroso. Antes de nada, queremos agradecer a oportunidade e a amabilidade do persoal que nos recibiu e acompañou nestes días, en especial ao concelleiro Xosé Regueira, ao alcalde Evencio Ferrero, á técnica de Turismo Maite Parga e ao técnico de Normalización Lingüística Nel Vidal. Ademais, cómpre parabenizar tamén a organización do FIOT pola iniciativa e pola dimensión que ofrece ao teatro con estas actividades paralelas*. É difícil combinar mellor estes dous campos culturais. 
Presentámosvos pois o noso percorrido gastronómico polos estabelecementos de Carballo, onde fomos recibidos con moito agarimo.



O venres iniciamos a nosa fin de semana gorentosa e fixémolo após escachar da risa no Pazo da Cultura coa última peza de Chévere, titulada Eroski Paraíso. Visitamos a "Cervecería A Bombonera", xa con fame pois eran as 23:30h. e encontrámonos cunha tapa abundante e completa. Un saboroso risotto con produtos do mar e con presenza marcada de nata. Saímos cead@s e content@s pois a esas horas xa nos sería difícil petiscar algo máis. 

Vintacinco anos menos un día

O sábado erguémonos con apetito pois intuiamos que nos agardaba un bo almorzo no "Taller de Repostería Tomasa" e así foi. E máis. Café con leite, zume natural de laranxa, iogur con muesli e unha madalena rechea de crema pasteleira que nos deixou namorados xa de mañá. Completo, completo!

Sarabela

Aínda co bandullo cheo do almorzo, chegou a hora de xantar. Aquí tiñamos varias opcións así que decidimos comezar polo "Mesón A Cabaña" onde nos recibiron cunha tosta con pataca panadeira, pemento asado e unha carne espectacular: lagarto (solombo). Óptima!

Fiot 25
E continuamos cunha das nosas favoritas, na "Cafetería Abastos", situada no propio Mercado. Despois da carne, tocou un peixe saboroso como é o salmón que combinaba á perfección coa ensalada rusa do recheo. A base de pan outorgaba ademais a consistencia e apoio que a tapa necesitaba. Exquisita!

Tres sombreiros de copa
Despois desta degustación saborosa decidimos ir queimar unhas poucas de calorías e visitamos a praia e a lagoa de Baldaio por onde demos unha longa camiñada. Posteriormente achegámonos a Razo, onde tiña lugar o Campionato galego de Surf e onde se presenciaban estampas fermosas grazas ao continuo baile das ondas. Para non perder.























Xa recuperando fame, non tardamos en continuar o percorrido pois tiñamos aínda moito por probar. Achegámonos até o "Mesón O Casino" onde desfrutamos dunha tapa sinxela mais moi efectiva a base de solombo e patacas fritas.

Lagartito Fiot
O espazo que alberga a maior parte das obras do FIOT é o Pazo da Cultura que tamén posúe cafetaría, na que nos ofreceron un complemento ideal á obra do sábado, "Sueño de una noche de verano". Este petisco, tamén moi completo, tiña un aspecto incribel que se confirmaba a cada bocado. Gambas, pemento asado e bacallau deron moitísimo xogo. Un grandísimo acerto!

Ultranoite
Nos restaurantes de Carballo nótase o coidado dos produtos do mar e o bo traballo co bacallau, pois en "A Barra Bar" tamén foi este o produto estrela moi ben rodeado de verduras cun mollo intenso clave na fusión de sabores.

Soños dunha noite de verán 
Na "Cafetería Xorima" cambiamos de rexistro téndomos opción de aproveitar o gran produto de tempada, a castaña. Estas estaban presentes cocidas, como acompañantes, e tamén no mollo que caracterizaba todo o prato e daba un toque diferencial á carne. Interesante e saboroso enfoque.

Escenografía de castañas con chuletas de cerdo

Rematamos ben fartos a noite do sábado, mais aínda así deixamos oco para un xeado polo centro da vila. Porén, como somos de boa boca, xa nos erguemos o domingo con fame e con ganas de seguir gozando da traxectoria tan boa que levabamos. Ademais, a primeira hora pouco se podía estar por fóra co diluvio que estaba a caer. Gorecémonos da chuvia no Café Colón, repleto e cun almorzo tamén contundente en que tiña cabida o café ou té, un exquisito zume de laranxa con framboesas e un biscoito de noces. Con isto hai forzas para todo o día.

Calderón de la Barca
Con todo, sabéndomonos tan lambóns e non queréndomos deixar de desfrutar da opción do "Café Valle Inclán", a almorzamos por segunda vez compartindo un café, iogur con froitas e muesli e un bocadillo que nos sorprendeu polo sabor e pola chamativa presenza do ananás.

Telón de boca
Bocadillo no Telón de boca



Aproveitando que escampara, era momento de visitar por fin unha das atraccións de Carballo, a súa feira. Unha multitude de posibilidades de produtos da horta agardábannos na praza do Concello. Señoras e señores resistiran a chuvascada para ofrecer as súas colleitas. Resultou imposíbel non saírmos cargados de bolsas: castañas, marmelada de pementos de padrón, laranxas, cabazas para o Samaín... Unha perdición, haha!



Xa pasadas as 13h. consideramos momento para continuar co Dálle un bocado ao Fiot. E ben que llo demos na "Cervecería Ágora" onde, alén dunha tapa de callos ben reconfortante, degustamos un dos mellores petiscos nesta nosa experiencia carballesa: unha tosta con pemento, tomate, un queixo que cremos "brie" e un ovo cociñado exactamente no seu punto para desfrutar da xema. De 10!

Tapa de callos
Rinconete y cortadillo











Continuamos este xantar variado e en movemento na "Vinoteca Ánfora" onde recorreron a un prato tradicional e clásico moi ben traballado co que ben parecía estar comendo na propia casa. A carne de agulla, moi susbstanciosa, acompañada de patacas e pan, foi unha delicia.

As tres conversas
E o remate ao noso itinerario gastronómico foi no "Restaurante Oasis" onde presentaron unha das tapas máis innovadoras ao noso parecer. Aínda non sendo nós grandes comensais da lingua, percibimos a xenialidade neste rebozado crocante con corn-flakes e millo, e especialmente nas labras de xamón que daban cobertura e sensación de veludo. Proba obrigada!

Pelos na lingua
Imaxinade o retorno. Resulta complexo marchar dun lugar tan saboroso coma Carballo en que os seus estabelecementos te reciben tan ben e con pratos tan saborosos e que ademais posúe uns produtos que para calquera amante da cociña son unha xoia. Como vedes na imaxe, traemos varios recordos gorentosos da vila bergantiñá como este biscoito de améndoas que ainda seguimos degustando e que segue a liña da tradición reposteira galega en que as améndoas, curiosamente, sempre tiveron un lugar tan destacado.




E rematamos o artigo co produto estrela, capaz de, por el só, nos facer achegar a Carballo: o seu pan. Tal foi así que non fomos capaces de vir só cunha bola. É ben coñecida a tradición panadeira de Carballo e a ampla presenza de muíños de pan pola zona que demostra o papel que na vila xogou historicamente este alimento. Seguro que moit@s de vós xa desfrutastes algunha vez del e saberedes por iso que calquera palabra nosa non chega para describir a calidade dun produto con marca propia que resulta diferencial. Carballo sabe ben, moi ben, coma o seu pan.


Ben, despedímonos pois animándovos a visitardes Carballo pola fermosura das súas paisaxes mais sobre todo pola seu notábel valor gastronómico que puidemos comprobar directamente. Aínda estades a tempo de lle meter o dente ao "Dálle un bocado ao FIOT" nesta última fin de semana de outubro, tamén de visitardes o Pazo da Cultura (podedes consultar o programa en http://fiot.gal/ ) e sobre todo de vos achegardes sempre que quixerdes a esta acolledora vila que ofrece degustala bocado a bocado. Até a próxima, Carballo! Lémonos, bolboreteir@s!

*Merece especial atención a denominación das tapas que reforzan maxistralmente ese vínculo coa dramaturxia do FIOT.

8 comentarios:

  1. Acercarémonos a Carballo proximamente. Con tanta cousa boa como para non visitalo. Gracias polo articulo.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moi ben, que alegría!! Esperamos que desfrutedes moito!
      Apertas

      Eliminar
  2. un fin de semana para disfrutar con todos los sentidos, biquiños

    ResponderEliminar
  3. Madre del amor hermoso que envidia mas sana me habeis dado con este fantastico post seguro que fue un fin de semana para repetir que de cosas ricas uummmm.
    Muchas gracias por compartir ,es una pena no haber podido ir asi como que no vinierais a la xuntanza a ver si para la proxima si podeis estar en O Barco.
    Bicos mil wapos.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Sii. Foi unha mágoa, mais que seguro que para o ano podemos ir ao Barco visitarte 😉, a finde en Carballo tamén foi xenial, o FIOT merece moito a pena!
      😘😘

      Eliminar