martes, 27 de setembro de 2016

Tabbouleh

Din que extremos non son bos mais nós adoramos pasar do prato máis doce e larpeiro ao máis lixeiro e saudábel sobre todo porque representa a alimentación do día a día. Tentamos coidarnos preparando receitas como este tabbouleh mais se chega o sábado e hai ocasión de devorar unha torta, non imos dicir que non, claro.
Moit@s de vós talvez non coñezades este prato aínda que nos últimos anos se está facendo máis visíbel en Europa. Ben, pois o tabbouleh, como podedes intuír polo nome, é de orixe árabe, concretamente da zona de Siria e Líbano, onde se adoita utilizar como acompañante doutros aperitivos. Consúmese especialmente nos meses de máis calor, xa que esta ensalada está pensada para degustar fría. O ingrediente clave é o bulgur. Nós encontrámolo na rúa San Andrés da Coruña, no Recuncho do Granel, onde teñen moitísimos produtos ecolóxicos e integrais. A nosa primeira experiencia co bulgur, o grao do trigo, foi moi satisfactoria e levounos a esta verdadeira delicia que tamén poderedes preparar con cuscús en caso de non encontrardes o Bulgur. De feito, en moitas zonas do Magreb preparan o tabbouleh con cuscús. Verédelo tamén na rede con variantes como tabule ou taboule. Chamémoslle dun xeito ou doutro, é unha opción a ter moi en conta para lograrmos unha dieta variada e equilibrada.

Tabbouleh



Ingredientes:

  • 200 g de Bulgur (ou cuscús)
  • 400 ml de auga
  • 150 g de queixo feta
  • 12-15 tomates cereixa
  • 2-3 culleradas de aceite de oliva
  • O zume de 1/2 limón
  • Unha presa de pirixel
  • Pementa moída
  • Un chisco de sal

Utensilios: unha cunca, unha fonte apta para forno, unha culler, un coitelo, unha táboa, un cazo ou o microndas.


Elaboración:

Para comezarmos, preparamos o bulgur. Para iso, temos que quentar a auga nun cazo ou no microndas até que ferva. Despois, retiramos do lume, botamos o bulgar e deixamos repousar 12-15 minutos. 


Mentres tanto, mesturamos o aceite, o zume de limón, o pirixel, lavado e picado, e a pementa moída e o sal ao gusto. Rerservamos. 


Cando teñamos preparado o bulgur, engadímoslle o queixo, cortado en dados, e os tomatiños cereixa cortados ao medio e mesturamos moi ben, con coidado, iso si, para non romper o queixo. 






Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, até que se doure o queixo, aproximadamente 10-12 minutos. 


Engadimos o aliño de pirixel, aceite e limón e xa estaría preparado para comer!! 


Como vedes, é unha receita moi sinxela e rápida de facer e que completará o voso catálogo de ensaladas dun xeito moi orixinal. Nós, que adoramos o cuscús, xa intuiamos que iamos gustar, e así foi, adoramos! Ademais, encántanos polos varios elementos sorprendentes que o diferencian de calquera outro prato (o pirixel, o queixo feta, pouco común na nosa casa, o toque de limón...).
Algúns e algunhas xa levarán tempo coñecendo este recurso, mais para outr@s moit@s pode ser o descubrimento do mes! Oxalá que si. Lémonos, amig@s!

2 comentarios:

  1. Uummmmmmmmmmmm de muerte relenta no lo siguiente , vete poniendo dos platines que me voy a cenar con mi hijo a tu casa ,no me ves pero llevo un rato haciendote la ola.
    Te ha quedado un plato de relujo.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Que ben!! Vide, vide!! Estades convidados cando queirades!
      Bicos!!

      Eliminar