sábado, 19 de marzo de 2016

Torta semifría de stracciatella

Lambonas, lambóns, estades de sorte, hoxe é día de larpeirada!! Recuperamos as tortas aproveitando a ocasión dun novo aniversario na familia, desta volta do máis maior, do avoíño :-)
E xa sabedes, para nós non vale repetir, canto menos se queremos traervos novas ideas para as vosas receitas. Así que matinando matinando, pensamos nunha torta fresquiña e ao mesmo tempo moi gorentosa.
Ademais, cremos que é a primeira vez que incluímos a stracciatella en Bolboretas no bandullo, produto que normalmente gusta moito. 
O parabenizado, que cumpría 83 anos, e lambón por excelencia, desfrutouna enormemente. E iso xa daba para estar ben contentos. E claro, @s demais acabamos con ela.
Estamos, sen dúbida, ante un moi bo recurso para as celebracións, coa que cremos, imos completando o noso repertorio de tortas, que é importante que resulte amplo para se adaptar ás preferencias d@s moi diferentes comensais cos que nos podemos encontrar.
Estades preparad@s para babexar un pouco?


Torta semifría de stracciatella


Ingredientes (para un molde de 26 cm):


Para a base:
  • 250 gr de galletas
  • 140 gr de manteiga
  • 1 cullerada de cacao puro 0%
Para o recheo:
  • 750 gr de nata
  • 750 gr de iogur grego de stracciatella
  • 300 gr de azucre
  • 150 ml de leite
  • 12 láminas de xelatina
  • 150 gr de chocolate
Para a cobertura:
  • 270 gr de chocolate
  • 250 gr de nata
  • 60 gr de manteiga
Para decorar:
  • 30 gr de chocolate
  • Boliñas de azucre de cores
Utensilios: molde desmoldábel de 26 cm, un cazo, batedor eléctrico e manual, papel transparente, unha raspadeira, unha culler ou unha espátula, unha cunca e un batedor eléctrico.

Elaboración:

Para comezarmos, temos de facer a base da torta. Para iso, trituramos as galletas co batedor eléctrico. 


Botámolas nunca cunca xunto co cacao e a manteiga derretida. Mesturamos moi ben e estendemos a mestura sobre a base do molde. Refrixeramos. 



De seguir, debemos preparar a crema da torta. O que primeiro debemos facer e meter as láminas de xelatina nunha cunca (ou vaso) con auga fría durante 5-7 minutos.


Mentres tanto, quentamos o leite un pouco e, cando estea quentiño, engadimos as follas de xelatina. Mesturamos moi ben e reservamos mentres arrefría un pouco. 


Montamos a nata co azucre coa axuda do batedor eléctrico; lembrade que canto máis fría estea mellor montará. Reservamos.


Botamos os iogures nunha cunca e batímolos un pouco. 


Agregámoslles, pouco a pouco, o leite e mesturamos ben. 




Despois, ímoslle engadindo a nata, tamén pouco a pouco, coa axuda dunha espátula e con movementos envolventes para que non se baixe a nata. 


A continuación, engadimos o chocolate picado en labras. Para cortalo desta forma, debemos facer pequenas labras coa axuda dunha raspadeira (pelador). Este paso é un pouco lento mais merece a pena porque quedan moi ben. Mesturamos moi ben.


Botamos a crema sobre a base de galleta, cubrimos con papel transparecente e refrixeramos durante 4-5 horas, ou até que a crema estea callada. 


Pasado ese tempo, temos que facer a cobertura. Cortamos o chocolate en onzas e colocámolo nunha cunca. 


Quentamos a nata até que ferva e botámola sobre o chocolate. Deixamos repousar 5 minutos. 



Mesturamos co batedor manual até que se desfaga o chocolate e engadimos a manteiga. Mesturamos moi ben. 


Agregamos o chocolate sobre a crema. Podemos pór unha culler ou un cullerón para que o chocolate non caiga tan forte sobre a crema. Deixamos repousar 5 minutos. 


E chegou a hora de decorar a nosa torta. Facemos labras co chocolate e empoamos a torta con el. Así mesmo, engadimos unhas boliñas de cores de azucre; nós tiñamos flores, así que aproveitamos.

Refrixeramos durante 4-5 horas, ou mellor unha noite enteira. Desmoldamos a torta e xa estaría preparada para comer!! 


O malo é que as fotografías desta vez non fan xustiza ao ben que ficou a torta, mais hai días así en que non saen ben, haha. De todas formas, é cuestión de aprender e mellorar para lle sacar o máximo partido. Aínda que partido alimenticio sacámosllo, desde logo. 
E quedounos un pouco para a noite degustándoa aínda máis porque... a vós non vos sucede que ás veces pensades que as sobremesas se desfrutarían máis sen os pratos previos? É que ás veces chegamos tan fartos... hahaha!
Unha forte aperta, amig@s!! Pasade boa fin de semana e se arrancades con el as vacacións, a desfrutar!!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario