sábado, 23 de xaneiro de 2016

Ensalada de quinoa

Se xaneiro nos ofrece sol e unhas temperaturas máis propias de fin de primavera que de cumio invernal, pois nós respondémoslle coas nosas solucións gastronómicas. Sempre reivindicamos as ensaladas como xenial opción para nos alimentar e refrescar no verán, mais tamén cómpre non reducir a súa inxesta a esa tempada, xa que aínda que non sempre apetece, sobre todo cando vai moito frío, achéganos moi diferentes elementos nutritivos e fai da nosa, unha alimentación moito máis saudábel.
Ademais, esta ensalada era un obxectivo para nós pola utilización dun produto en concreto. Cantos anos tiveron que pasar para probarmos por fin a quinoa!! E agora canto nos arrepentimos de non o ter feito antes! A pesar de non ser un produto moi barato comparado con outros cereais ou sementes, teu un sabor moi moi diferencial que pode dar un enorme salto de calidade a calquera prato con non moita cantidade. Ademais, igual que o que sucede co arroz ou o cuscús, os paquetes dan moito rendemento.
Con todo, para lle sacar o máximo proveito a este produto, convén darlle unha boa compaña, como a que vemos nesta ensalada!

Ensalada de quinoa

Ingredientes (para 2-3 racións):
  • 250 ml de auga
  • 125 gr de quinoa
  • 2 ovos cocidos
  • 3-4 espárragos
  • 1 aguacate
  • 1 tomate
  • Unha presa de avelás
  • 1 pastilla de caldo de polo (opcional)
  • O zume de medio limón
  • Aceite de oliva
  • Pementa moída
Utensilios: un cazo, unha fonte, unha táboa, unha culler e un coitelo.

Elaboración:

Para empezarmos, temos de botar a auga, a pastilla de caldo (opcional) e a quinoa, que debe estar ben lavada, nun cazo; témola que cociñar a lume medio durante 18-20 minutos, remexendo de vez en cando. 



Pasado ese tempo, escoámola, se é que quedou algo de auga, e colocámola nunha fonte.


De seguir, temos que engadirlle o resto dos ingredientes: o tomate, o ovo e o aguacate (que lle temos que botar zume de limón para que non oxide) cortados en láminas; os espárragos, en anacos; e as avelás. 


Aliñamos cun chisco de pementa e con dúas culleradas de aceite.


Mesturamos con coidado e xa estaría preparada para comer!! 



Temos que ter en conta que se pode comer tanto morna coma fría, xa que se conserva perfectamente no frigorífico dun día para outro, polo que é un prato que podedes preparar con antelación e telo listo para cando cheguemos á hora de comer ou cear.


Ensalada de quinoa lle chamamos mais podería ser denominado festexo na ensaladeira, xa que nel teñen cabida unha serie de alimentos moi diversos e que, pola contra, combinan moi ben, facendo deste prato unha opción saborosa e saudábel que non vos ha de deixar con fame, seguro!
Agardamos que desfrutedes dela. Boa fin de semana, amig@s!!!

4 comentarios:

  1. Son partidaria de comer ensaladas todo o ano, son sanas, equilibradas, e podes variar cos ingredientes como maís sexa do noso agrado. Esta xa me valía a min como prato único.

    Bicosss

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Estamos totalmente de acordo contigo, para nós foi prato único, acompañada por unhas mandarinas de sobremesa, haha!
      Bicos e grazas por lernos!

      Eliminar
  2. Encántame a quinoa e o aguacate. Probarei a facer esta receita.
    Parabéns polo blogue!!! Fantástico traballo!!! :-)
    Nati.

    ResponderEliminar
  3. Encántame a quinoa e o aguacate. Probarei a facer esta receita.
    Parabéns polo blogue!!! Fantástico traballo!!! :-)
    Nati.

    ResponderEliminar