sábado, 16 de xaneiro de 2016

Choco en salsa

Que alegría levamos a semana pasada, cando un amigo nos avisou de que nos trouxera uns chocos da súa última saída ao mar. Co que a nós nos gustan estes cefalópodos! 
Por suposto, xa pensamos na súa elaboración e como non estamos moi afeitos a traballar con este produto optamos polo xeito tradicional de o facer na nosa casa, seguindo os pasos da instrutora experta, haha.
E lográmolo, conseguimos un prato acorde ao produto. A verdade, con este choco, pouco se había que complicar xa que de por si só é un verdadeiro manxar cheo de tenrura e sabor.
Se gustades dos cefalópodos, anotade a receita porque se dá moi ben para facer destacar o elemento principal. E con moi pouco traballo, que tamén resulta importante.
Aí o tedes:

Choco en salsa

Ingredientes:
  • 1 choco
  • 1 tomate
  • 1 cebola
  • 1/2 pemento vermello
  • 1/2 pemento verde
  • 2-3 dentes de allo
  • 1 vaso de viño branco
  • 1/2 vaso de aceite
  • Un chisco de sal
Utensilios: unha pota, un morteiro e unha culler.

Elaboración: 

Para comezarmos, temos de cortar o choco en dados. 



A continuación, poñemos ao lume a pota, sen nada de aceite, e, cando estea quente, engadimos o choco. Deixamos que se cociñe até que mude a cor, aproximadamente entre 5 e 7 minutos. 

Deixamos que evapore un pouco a auga que soltou e engadimos os allos machucados cun chisco de sal.


Mesturamos moi ben e engadimos a cebola, que debe estar ben picadiña. 


Cociñámola durante 2-3 minutos e agregamos os pementos, tamén, ben ficados finamente.


Mesturamos de novo e cociñamos durante 4-5 minutos. De seguir, engadimos o tomate, cortado en anacos pequenos. 


Mesturamos ben e botamos o aceite e o viño branco. 


Agora temos dúas opcións. Se o facemos nunha pota normal, deberemos cociñar o choco a lume medio durante, aproximadamente 1 hora. Nós, neste caso, utilizamos unha pota rápida e levoulle, máis ou menos, 20 minutos, mais o tempo que tarda en abrir a pota.  


Pasado ese tempo, temos que probar se está brandiño e se o punto de sal está ao voso gusto. 


E xa está preparado para comer! Que aproveite!


Os que valorades un bo choco, entenderédesnos cando denominamos isto como manxar. Desfaise na boca collendo o sabor que lle aporta ese mollo suave mais ao tempo, notábel. Un mollo que, unha vez rematado o choco, aproveitamos até a fin cun bo pan tradicional. Ideal con bo miolo para recoller a verduriña triturada que nos queda sobrante, e que merece a pena levar tamén ao bandullo.  Que gozada!!
Ben, deixámosvos con esta nova receita e mandámosvos unha aperta ben forte para contrarrestrar un pouco esta friaxe. Lémonos!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario