sábado, 5 de decembro de 2015

Albóndegas recheas de queixo con salsa de verduras

Aquí estamos!! Xa tardaba, non? Pois vimos, como cada sábado, cunha nova receita. E hoxe partimos do clásico, dun prato familiar que se adoita elaborar en moitas casas para lle dar o noso toque, en que o queixo, como non, terá un grande protagonismo.
@s que recordades algo das clases de lingua, podedes intuír cal será a orixe deste alimento con ese 'al' ao comezo da palabra. Pois si, foron os árabes os que crearon este monumento gastronómico, aínda que tampouco se esmeraron moito no nome, "al-bunduga" (a bóla). Deron a coñecer este produto a Europa a través dos seus contactos coa Península Ibérica, pasando tamén a América nas ocupacións alí realizadas. Xa vedes que son moitos os anos que se leva degustando polo mundo adiante deste alimento.
Aí vai. 

Albóndegas recheas de queixo con salsa de verduras


Ingredientes:

Para as albóndegas:

  • 500 gr de carne picada
  • 50 gr de queixo
  • 1 ovo
  • 4-5 culleradas de pan relado
  • 1 culleriña de curry
  • 1/2 culleriña de ourego
  • Pementa moída
  • Fariña
  • Aceite para fritir

Para a salsa:

  • 600 gr salsa de tomate
  • 1 vaso de viño branco
  • 2 cenorias
  • 1 allo porro
  • 1 pemento vermello
  • 3-4 dentes de allo
  • 2-3 culleradas de aceite
  • 1 culelrada de ourego
  • Pementa moída
  • Un chisco de sal
Utensilios: unha cunca, unha pota, unha culler de pau e un coitelo. 

Elaboración:

Para comezarmos, temos que prerar as albóndengas. Para iso, colocamos a carne picada nunha cunca e sazonámola co curry e o ourego. Mesturamos moi ben. 


De seguir, botamos o ovo e o pan relado e, de novo, mesturamos. 



Facemos pequenas boliñas, aplanámolas coa axuda das mans e colocamos un dadiño de queixo no centro, podedes escoller o queixo que máis vos guste, nós utilizamos gouda. 


Pechamos as boliñas de forma que quede o queixo no centro y pasamos por unha pouca de fariña.


Dourámolas nun pouco de aceite quente para que non se desfagan ao cociñarse coa salsa. Quitámolas para un prato e reservamos.


Mentres douramos as albóndegas, podemos comezar a rustrir as verduras da salsa. Na pota en que as imos cociñar, botamos o aceite e o allo picado.


Cando comece a cambiar de cor, engadimos o allo porro, o pemento e a cenoria picados.


Deixamos que se cociñen durante 4-5 minutos e engadimos a salsa de tomate, o viño, un chisco de pementa moída e de sal.


Engadimos as albóndegas, tapamos e cociñamos a lume medio durante 25-30 minutos aproximadamente, remexendo de cada pouco.


Coa salsa temos dúas opcións, deixar os anacos de verdura así ou triturar a salsa. Nós, neste caso, decidimos triturala para que quedase máis fina. 


Podémolas comer acompañadas de patacas fritidas, patacas cocidas, ensalada, cous-cous ou, coma no noso caso, arroz branco con avelás.


Agardamos que vos guste!


Alguén babexando xa?? Non sería para nada estraño, vaia. Pensade nese núcleo de queixo co que nos imos encontrar na primeira dentada. Un prato do máis nutritivo e que gusta, senón a tod@s, a case tod@s. Ademais, este tipo de receitas son das que se manteñen no tempo. De seguro que tedes algunha similar moi recorrente que vola ensinaron a facer na casa. E que siga de xeración en xeración. É por iso, que sendo xa expert@s albondigueir@s, podedes probar esta nova fórmula e comparar. Xa nos contaredes.
Unha forte aperta, amig@s, e moi boa fin de semana!

4 comentarios:

  1. Que pinta! Teñen que estar boísimas... Un bicoo

    Rosalía

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas!! Xa as farei un día que veñades comer/cear para que as probes!!1
      Bicos

      Eliminar
  2. Divnisimaaaaaaaaaaaas ademas de ricas tomo nota asi no las he echo nunca.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar