sábado, 18 de xullo de 2015

Pan de mel e queixo

Sábado de moitos festexos na Galiza polo pasado Carmen, e especialmente en Viveiro, onde nos preparamos para a última xornada do Resurrection Fest. Mais, nós non paramos, nin moito menos. Cremos que xa vos temos dito da nosa debilidade polo pan, así que sempre que podemos probamos cun pan clásico ou cun máis innovador, como sucedeu desta volta. O caso é meter as mans na masa, que nos encanta!!
Ben, pois como normalmente facemos o pan de trigo, millo ou centeo, queriamos argallar para lle dar un toque algo diferente e aproveitándomos algún produto que tiñamos pola casa, chegamos a esta suculenta idea: pan de mel e queixo.
A pesar de o mel e o queixo teren certa intensidade, nesta receita, apenas chegan para lle dar un sabor suave ao pan, mais sen alterar demasiado a esencia. Iso si, faino desde logo moi especial e apetitoso. Ollade que bo:


Pan de mel e queixo


Ingredientes (para 4 panes):
  • 200 gr de fariña
  • 100 ml de auga
  • 25 gr de queixo relado
  • 20 gr de mel
  • 10 gr de lévedo de panadaría
  • Sal

Utensilios: cunca, espátula, papel vexetal, pano e fonte apta para forno. 

Elaboración:

Comezamos botando a fariña co chisco de sal nunha cunca. 



Mesturamos ben e facemos un oco no centro. 


No oco, botamos o lévedo, o mel e 20 gr de queixo relado. Podedes escoller o queixo que máis vos guste, nós relamos queixo de cabra e ovella. 






Agregamos tamén a auga e mesturamos moi ben, coa espátula ou coas mans.


Amasamos até conseguir unha masa homoxénea e elástica. 


Dividimos a masa en catro porcións, máis ou menos do mesmo tamaño. Tapamos cun pano e deixamos que repousen 40 minutos, ou até que dupliquen o seu tamaño. 



Botamos sobre cada boliño un pouco de queixo do que reservamos antes.


Enfornamos a 180º, calor abaixo e ventilador, durante 13-15 minutos.



Deixamos que arrefríen un pouco e xa estarían preparados para comer!!


Xa vedes que ben cocido quedou. A clave está en que fique así de esponxoso facendo do pan un verdadeiro manxar. A pesar de que non o pensaramos nun primeiro momento, é ideal para lles meter algo, ocurríndosenos unha boa carne de hamburguesa, por exemplo.
E para @s que son máis clásic@s, de seguro que lles gusta mollado en leite, xogando aí un papel aínda máis notábel o toque meloso.
Se sodes moi de pan, de seguro que vos interesa esta nova receita. Veña, que se fai nun abrir e pechar de ollos. Unha forte aperta amig@s!

2 comentarios:

  1. Buenaaaaaaaas ya estoy de nuevo por aqui despues de unos dias de descanso blogueril.
    El pan se ve de rexupete y con esos ingredientes no dudo lo mas minimo que asi sea te ha quedado de relujo para no variar.
    Bicos mil y feliz inicio de semana wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Olaa! Benvida e espero que tiveras uns bos días de descanso!!
      Moitas grazas por estar sempre por aquí cos teus fantásticos comentarios!
      Bicos!

      Eliminar