martes, 21 de xullo de 2015

Ensaimada mallorquina

E como cada martes presentamos unha nova receita que agardamos que vos sirva tamén como plan para un destes días en que non teñades que facer e vos apeteza probar cunha nova larpeirada.
Se vos serve de motivación, dicímosvos que é un dos nosos maiores caprichos desde ben pequen@s xa que sempre que viña a familia de Mallorca nos traía unha ou dúas coma estas converténdose xa nun dos momentos máis doces do verán. Se é que a fin de contas, este é o produto estrela da gastronomía balear que xa se elaboraba no XVII. Dise que na elaboración deste produto artesanal é fundamental a experiencia d@ pasteleir@ para lle dar as características que o fan tan específico. Porén, para nós é a primeira vez traballando con ensaimada, e ben boa que quedou...
Iso si, tentamos seguir ao pé da letra unha receita desta sobremesa tradicional que chegou a nós. E parece que foi ben. Probamos a facela sen manteca de porco (elemento típico da receita) xa que non a tiñamos, e ficou igualmente saborosa. 
E canto ao recheo non tiñamos dúbida. Para nós, se algo fai especial esta ensaimada, iso é o cabelo de anxo e o ben que combina con esta masa. De feito, foi sempre a que comimos de Mallorca aínda que ultimamente tamén temos visto con chocolate e crema. A nós encántanounos como quedou e estamos seguro que a vós tamén. Aí a tedes:

Ensaimada mallorquina


Ingredientes (para 4 ensaimadas):

  • Para a primeira masa (40 gr):
    • 20 gr de fariña de forza
    • 10 gr de lévedo fresco
    • 10 ml de auga
  • Para a segunda masa:
    • 1 ovo
    • 125 gr de azucre
    • 12 gr de lévedo fresco
    • 125 ml de auga
    • 40 gr da primeira masa
    • 350 gr de fariña de forza
    • Azucre glas
  • Para o recheo:
    • Cabelo de anxo (receita aquí)

Utensilios: batedor, forno, rolete, papel vexetal, unha espátula, unha cunca grande para a mestura, un coadoiro e un pouco de aceite.

Elaboración:

Empezamos coa primeira masa, que a pesar de ser moi pequeniña, vai ser clave na elaboración da segunda. Para esta "masa madre" diluímos nun primeiro momento o lévedo na auga (mellor morna), e engadímos a mestura á fariña de forza remexendo até ficar manexábel. Aí faremos unha bóla coas mans.

              




Reservamos esta masa e poñémonos coa masa principal, a segunda. Botamos un ovo en primeiro lugar e a continuación o azucre, batendo até que fique algo líquido como podedes ver na foto.




Diluímos o lévedo na auga como fixemos coa primeira masa, para agregar tamén e volver bater un pouco agregámola á mestura anterior e batemos de novo.


De seguido, adxuntamos a primeira masa para bater progresivamente até que fique disolta totalmente.



Chega o momento da fariña, que se temos unha peneira ou un coador debemos peneirar para que non queden bolos. O ideal é facer este proceso cunha amasadora, mais como nós non a tiñamos neste momento connosco, fixémolo cunha espátula. Conleva algo máis de esforzo, mais queda igualmente ben. 













Cando vexamos que está manexábel, aínda que pegañenta, retirámola para comezar a amasar coas mans. Este proceso é fundamental na elaboración da ensaimada. Debemos de utilizar aceite na superficie en que amasemos e tamén nas propias mans. Deberemos amasar sobre 30-40 mins. Para saber se xa está lista, debemos coller unha boliña da masa e comprobar que é algo elástica e, se a estiramos, que queda bastante transparente.

                                                                       

Deixamos repousar dez minutos para que asente o gluten. Pesamos e cortamos catro anacos dun peso aproximado para as que serán as catro ensaimadas.


Comezamos o proceso de estirado levándoo case até o límite, xa que a masa debe ficar moi finiña, case transparente. Para isto volverá ser fundamental traballarmos con aceite. Unha vez estirada co rolete, aínda tentamos estendela un pouco máis coas mans. Aínda que quebre un pouquiño non pasa nada.

Cortamos unha tira dun lado e situámola no lado contrario para facermos unha doble capa, xa que este vai ser o corazón da ensaimada. Se a queremos reencher, como é o noso caso, debemos pór o cabelo de anxo ao longo desa franxa vertical. Posteriormente comezamos a enrolar coidadosamente até conseguir unha especie de tubo alongado como o que vemos na foto da dereita. E procuramos facelo algo máis longo coas mans.


De seguir, dámoslle forma de caracol a ese tubo procurándomos deixar algo de espazo dentro del.


Unha vez feito isto coas catro bólas, chega o momento da outra parte clave do proceso, o repouso. Deben estar 12 horas nun lugar non moi caloroso e onde non entren as corrientes para que dupliquen o seu tamaño.


Unha vez pasadas esas doce horas, é o momento de meter ao forno. Prequentamos a 200º e cando as introduzamos, marcamos 175º, calor arriba e abaixo con ventilador. Deberán estar sobre 15 mins, aínda que debedes telas a ollo, porque ao metermos dúas á vez, é probábel que a de arriba se doure antes.


Retiramos e cando estean algo máis frías pasámolas a un prato.

                                              







A continuación, coa axuda do coadoiro, empoamos co azucre glass para que fiquen tan apetitosas como nas fotos.


E así ficarían listas as nosas ensaimadas mallorquinas. Xa vedes que é unha das receitas de maior dedicación das que preparamos en Bolboretas no bandullo, mais tamén podedes comprobar que apenas hai pasos complexos. A ensaimada ten un sabor moi especial e concreto que se consegue con eses amasados e tempos de repouso da masa. Mais cun pouco de paciencia merece moito a pena. Abonda con dicirvos que nós arrepentímonos de non ter feito unha maior cantidade de masa...
Nós partiamos coa intención de facer unhas ensaimadas saborosas e que se parecesen canto menos algo ás orixinais. Sabiamos que imitalas era moi complexo xa que é un produto autóctono da illa. Porén, unha vez metido o dente ao primeiro bocado pensamos en que as diferenzas son poucas, moi poucas. 
Agora que xa tedes a receita, asegúrovos que non merece a pena agardar a ir a Mallorca ou a que alguén volas traia. Aproveitades un día que teñades algo de tempo e elaborades cantas queirades. Están exquisitas!
E como a moit@s talvez non vos guste o cabelo de anxo, sempre quedará probar con novos recheos: crema pasteleira, nata, chocolate... Unha fortísima aperta bolboreteir@s!

2 comentarios:

  1. Divinisimaaaaaaaaaaas no lo siguiente y seguro estan de rexupete con el cabello de angel , tengo que ponerme las pilas y hacerla cuando pase el calor solo la he echo una vez y esta bien rica .
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Na miña casa encántanlles a todos e como se acabaron moi rápido, xa pediron que fixéramos algunha máis, hahaha!! Bicos

      Eliminar