Día de receita e non un día calquera xa que hoxe celebramos o Día da Patria, unha xornada que Castelao definía como "a festa maor de Galicia, a festa de todol-os galegos" e que debe dar pé a nos reivindicar como nación demostrando a unidade necesaria mais tamén para festexar e exhibir a nosa identidade galega. Alén da nova entrada no blogue, hoxe poderedes encontrar no Sermos Galiza un artigo que elaboramos a respecto da que consideramos unha sobremesa simbólica para este 25X: A torta de Santiago e o éxito das améndoas na Galiza.
Matinamos alí un pouco sobre a orixe da sobremesa, sendo moi discutíbeis algunhas das teorías existentes mais o que tod@s podemos confirmar é que é unha das xoias da nosa repostaría que alcanzou unha dimensión internacional grazas á chegada de miles de peregrinos cada día a Santiago. Ademais resulta moi curioso ese éxito dos amendoados na Galiza cando nunca fomos terra de destacar polas amendoeiras e si por outras árbores frutais.
E o bo desta larpeirada está na súa elaboración, sen ningunha complicación máis que a mestura de ingredientes e o enfornado. E que tremenda recompensa nos agarda. Non seredes quen de resistirvos, haha. Aí vos vai:
Torta de Santiago
- 300 gr de améndoa moída
- 300 gr de azucre
- 5 ovos
- 1 copa de brandy (ou o voso licor favorito)
- 50 gr de azucre glass
Utensilios: molde baixo de 25-26 cm, forno, papel vexetal, batedor e a imaxe da cruz de santiago.
Elaboración:
Comezamos batendo os ovos co azucre até que branqueen os ovos.
De seguir, engadimos a copa de brandy e mesturamos de novo.
Agregamos toda a améndoa moída e integramos ben todos os ingredientes.
Botamos a mestura nun molde baixo, previamente untado con manteiga. Ademais, se queredes, podedes pór unha base de papel vexetal para que sexa máis fácil de desenmoldar.
Enfornamos a 180º (o forno debe estar prequente), co ventilador, durante 25 minutos.
Deixamos que arrefríe totalmente, recortamos unha imaxe da cruz de Santiago e colocámola sobre a torta, máis ou menos no centro, e empoamos co azucre glas. E xa estaría lista para comer!
Para nós era a primeira vez elaborando esta sobremesa de país, mais agora habémola de ter como un recurso habitual xa que nos pode sacar dun apuro en calquera momento. E por suposto hoxe, porque a habemos degustar con todo o orgullo de quen está a degustar un bocado de Galiza e da súa cultura nun día precisamente no que celebrar mais tamén no que coller azos para seguir cara a diante todo o ano en procura dun país mellor. A maioría xa nos coñecedes e xa sabedes como pensamos así que non fai falta dicir moito máis. Viva Galiza e viva tamén a nosa gastronomía que nos deixa tantísimos manxares dos que gabarnos.
La tarta te ha quedado de relujoooooooo al igual que el articulo me ha encantado leerte .
ResponderEliminarEl sabado tambien formo parte de la sobremesa de nuestra casa , es una tarta que nos gusta mucho y hago de vez en cuando pero ese dia no falta nunca hace tres años estabamos de vacaciones y como no tengo horno en la caravana compre una ,no estaba mal pero acostumbrados a comerla casera no tuvo gran exito es una pena que fuera de Galicia sean las que conocen .
Bicos mil wapa.
A verdade é que é unha mágoa si, porque as sobremesas caseiras están moitísimo máis saborosas! No caso desta torta, as mercadas soen ser máis secas...
EliminarGrazas e apertas!