Após o prato fresco do pasado sábado, hoxe presentamos un dos nosos pratos preferidos, aínda que tamén nunha outra versión en que integramos pasta, carne, fungos e verdura. Só nos quedou a froita...haha.
Así pois, se xa a lasaña é un prato con moitos hidratos e vitaminas, imaxinade esta. Resulta evidente que a pasta é un dos produtos máis fáciles de manexar e dos que máis se dá para innovar, especialmente a lasagna por necesitar un recheo.
Ademais, como sempre dicimos, cómpre integramos cando for posíbel a verdura nos nosos pratos para lograrmos unha alimentación máis completa. E de haber cativ@s na casa, aínda máis importante :-)
Se xa sodes de lasaña, animámosvos a probardes esta versión, e se non o sodes, pois que mellor que comezar cunha lasaña tan completa. Aquí vos vai a receita:
Lasaña de brócoli, cogomelos e salchichas frescas
Ingredientes (para 4-6 persoas):
- 16 láminas de pasta
- 6 salchichas frescas
- 250 gr de cogomelos
- 1 brócoli grande
- 1 cebola
- 3 dentes de allo
- Salsa bechamel (receita aquí)
- Queixo relado ao gusto
- Aceite de oliva
- Pementa moída
- Sal
Utensilios: prancha, tixola grande, fonte apta para microndas, cazo, culler, coitelo.
Elaboración:
Para comezarmos temos de preparar a salsa bechamel (receita aquí), para esta ocasión duplicamos as medidas, e preparar as láminas de pasta segundo nos indique @ fabricante; as que utilizamos desta volta ían directamente ao forno.
A continuación, picamos os dentes de allo e a cebola e rustrímolos en dúas culleradas de aceite.
Engadímoslles o brócoli, tamén picado finamente. Mesturamos ben e tapamos a tixola para que se cociñen antes. Sazonamos con sal e pementa moída.
Cando estean brandiños, mesturámolos cos cogomelos que tíñamos reservados. Reservamos de novo.
Para preparar as salchichas frescas, temos que quitarlles a pel e desfacelas un pouco.
Na mesma prancha en que fixemos os cogomelos, fritimos as salchichas.
Cando estean preparadas, engadímolas á mestura de brócoli, cebola, cogomelos e allos. Mesturamos moi ben.
E chegou a hora de montar a lasaña! Untamos o molde cunha pouca de bechamel (para que se pegue á pasta) e colocamos unhas láminas de lasaña.
Botamos unha pouca máis de bechamel e engadimos a metade do recheo.
Tapamos con máis pasta e repetimos o proceso: bechamel, recheo e cubirmos con pasta.
Botamos o resto da bechamel que nos queda e cubrimos co queixo que máis nos guste; nós utilizamos mozzarella.
Enfornamos a 200º, calor abaixo e ventilador, durante 25-30 minutos (nos últimos 5 minutos puxemos o gratinador para que se fundira ben o queixo) e xa está lista para degustar!!
Xa vedes, dificultade mínima e resultado inmellorábel. No caso de non vos gustar algún dos elementos é cuestión de os cambiardes polos vosos preferidos, mais a verdade é que estes ficaron moi ben xuntos. Ademais, esta lasaña havos de dar para varios xantares, ou para un xantar con bastantes comensais, xa que é bastante fartureira. E sobre todo saborosa, moi saborosa.
Cremos que non podedes agardar máis para a probar. Así que se aínda non tedes nada feito para hoxe... que mellor que esta lasaña de brócoli, cogomelos e salchichas frescas. Unha fortísima aperta bolboreteir@s!
Ningún comentario:
Publicar un comentario