sábado, 1 de agosto de 2015

Galletas de Inca picantes

Hoxe chegamos ben cedo para vos presentar unha nova receita, chegada directamente desde o Mediterráneo. Vós, que xa nos coñecedes ben, xa sabedes da nosa paixón por Mallorca e pola súa gastronomía, así como por cociñar con masas. Deste xeito, non vos ha de estrañar que hoxe presentemos estes petiscos baleares. Traemos unhas galletas que pouco teñen a ver coas até de agora publicadas xa que estas non son doces nin agardan ao final do xantar. 
Na última chegada da familia de Mallorca, trouxeron unha delicia que até o de agora non probaramos, e sendo sinceros, nin coñeciamos. Unhas galletas xa creadas no XIX nesta localidade do centro da illa e que foron comercializadas tempo despois co nome de Quely, en honra á princesa Grace Kelly.
Na actualidade son un dos produtos gastronómicos baleares máis destacados pola suavidade do seu sabor e adaptabilidade para acompañar de queixo, fuet, sobrasada... Un grandísimo recurso que para nós se fixo adictivo... Aí vos vai!


Galletas de Inca picantes


Ingredientes:
  • 300 gr de fariña de trigo
  • 300 gr de fariña integral
  • 250 ml de auga
  • 200 ml de aceite
  • 50 gr de lévedo de panadaría
  • 3-4 chiles 
  • Un chisco de sal


Utensilios: unha cunca, un pano, papel de forno, batedor manual, rolete, vaso ou molde circular e un garfo.

Elaboración:

Comezamos mesturando o aceite e os chiles.


Engadimos o lévedo disolto na auga e mesturamos de novo.


Integramos as dúas fariñas pouco a pouco. Primeiro podemos utilizar o batedor, mais despois temos que utilizar as mans. Amasamos até que as fariñas estean totalmente integradas.




video
Despois, facemos unha bola e tapamos cun pano. Deixamos repousar 45 minutos.




Pasado ese tempo, temos que amasar, de novo, un pouco. 


Estiramos a masa coa axuda dun rolete, ten que estar, máis ou menos, cun 0,5 cm de grosor. 



E coa axuda dun vaso pequeno (tipo café) ou un molde, facemos circulos que iremos colocando sobre papel vexetal na bandexa do forno. Tapámolas de novo co pano, e deixámolas repousar mentres facemos o resto das galletas. Con esta masa teredes 3 bandexas de forno cheas, así que poderedes repartir cos vosos amig@s e familiares. 




Picamos as galletas cun garfo e enfornamos a 160º, calor arriba, abaixo e ventilador durante 30-35 minutos. 


E xa estarían listas para comer! Podédelas acompañar cun pouco de queixo, friame... ou incluso con crema de cacao están moi boas polo contraste que se forma ;) 


Chantadiñas ás orixinais! Ademais, tentamos darlle un toque picante xa que así era o tipo das que probáramos e aínda se facían máis saborosas. Non vos dicimos as que comimos nun día antes do xantar e a cea porque o número é moi elevado, mais é que están tan boas... Nós xa somos moi de masas e de pans, e como por riba estas galletas teñen algo máis de sabor grazas ao aceite, xa se fan irresistíbeis. De feito, moita xente coñéceas como galetes d´oli.
Ben, agardamos que vos guste este bocadiño de Mallorca que vos achegamos hoxe. Nós ficamos desexosos de volvelas facer. Ñam, ñam! Pasade unha boísima fin de semana, lambisqueir@s!

5 comentarios:

  1. Nunca he comido esas galletas y he oido hablar de ellas muchas veces muchas gracias por compartir la receta ,ummmmmmmmmmm cosa rica rica no lo dudo ni un segundo con esos ingredientes me encantaran seguro , te han quedado de relujo.
    Bicos mil y feliz domingo wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Seguro que si, están deliciosas e son moi viciosas, hahahaha!
      Bicos e grazas por pasarte!

      Eliminar
  2. que buena pinta! nunca las hice con chile y seguro que le dan un puntito muy rico! bicos

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Sii, danlle un toque moi especial e diferente!
      Apertas e grazas por comentar!

      Eliminar
  3. que buena pinta! nunca las hice con chile y seguro que le dan un puntito muy rico! bicos

    ResponderEliminar