sábado, 25 de abril de 2015

Luriñas recheas de gambas e espinacas

Si! Chegou un outro sábado en que vos traemos un novo experimento que nos deixou fascinados e que agardamos que cause o mesmo efecto en vós. Tiñamos unhas luriñas pola casa, e como adoitamos facelas fritas en aneis, queriamos unha nova forma de as preparar e de lles sacar aínda máis partido. Tiñamos claro que reenchelos era unha boa opción, aínda que non sabiamos con que. Comezamos pensando en carne mais non nos convencía desta volta o contraste entre carne e marisco. Si, amig@s, as luras e luriñas, ao igual que o polbo, forman parte do grupo dos moluscos cefalópodos. Ben, voltando ao tema... desbotada a idea da carne, xa pensamos noutros produtos, algúnha verdura, algún produto de mar... E aquí nós sempre temos un "corpus" do que botar man frecuentemente: espinacas, cebolas, gambas... Aínda que tamén engadimos ao recheo os rabos ou puntas das luriñas. E despois, un mollo espectacular, claro :-)
É certo que este é un prato que necesita dedicación xa que hai que limpar as luriñas, preparar a salsa, o recheo... mais cando probedes veredes que sen gastar moito diñeiro podedes lograr un verdadeiro luxo. Que marabilla! Aí vos vai:

Luriñas recheas de gambas e espinacas

Ingredientes (para 4 persoas):

Para a salsa:
  • 6-7 tomates 
  • 2 cebolas
  • 3-4 dentes de allo
  • 1 pastilla de caldo de peixe
  • 1 vaso de auga
  • 1 vaso de viño branco
  • 1 folla de loureiro
  • 1/2 culleriña de ourego
  • 1/2 culleriña de romeu
  • Pementa moída
  • Un chisco de sal
  • Aceite
Para as luriñas:
  • 16-18 luriñas
  • 250 gr de gambas
  • 250 gr de espinacas
  • 40-50 gr queixo
  • 2 cebola
  • Aceite de oliva
Utensilios: unha tixola, unha pota grande, batedor eléctrico, unha culler, un coitelo, escarvadentes etc.

Elaboración:

Para comezarmos, temos de facer a salsa. Para iso, temos de picar as cebolas e os dentes de allo e rustrilos en dúas culleradas de aceite. Non é necesario que os cortemos moi finos xa que despois trituraremos o mollo. 



Cando estean douradiños, engadimos os tomates, tamén cortados en anacos, e deixamos que se cociñen durante 10 minutos. 



Despois engadimos o vaso de viño, o vaso de auga e a pastilla de caldo (se pode ser de peixe ou marisco mellor). Deixamos, de novo, que se cociñen durante 15-20 minutos. 


 De seguir, trituramos a salsa e botámoslle o sal,  pementa moída, o romeu, a folla de loureiro e o ourego. Ademais, se nos gusta, podémoslle engadir uns anaquiños de queixo para que estea máis saborosa.


A continuación, temos de preparar as luriñas. O primeiro a facer é limpalas e lávalas moi ben. Debemos separar as luriñas dos raxos, e tirar as tripas. Resulta básico limparmos ben o interior das luriñas, podéndolles dar mesmo a volta ás bolsas. Aquí tedes unha moi interesante guía de como facerdes este proceso paso a paso: Limpeza luriñas (Sabor Gourmet)
Quedámonos co corpo e cos raxos e reservamos. Despois, preparamos o recheo. Empezamos desconxelando as gambas, fervéndoas nunha pota con auga. Picámolas en anacos pequenos e reservamos.


De seguir, picamos as cebolas e rustrímolas en dúas culleradas de aceite. 


Cando estean brandiñas, engadimos as gambas e os raxos das luriñas. 








 Cociñamos durante 5 minutos e engadimos as espinacas, ben lavadas. Mesturamos moi ben.


Por último, engadimos o queixo cortado en anacos e mesturamos até que se funda. Podedes escoller o queixo que máis vos guste; nós, neste caso, utilizamos o Arzúa-Ulloa. 



 Deixamos que arrefríe un pouco o recheo e reenchemos as luriñas. Para que non salga o recheo, pechamos a luriña cun escarvadentes. 


Botamos as luriñas na pota coa salsa e cociñámolas nela durante 35-40 minutos a lume medio. Pasado ese tempo xa estarían as luriñas feitas. 








Podémolas acompañar cunhas patacas panadeira, un pouco de arroz, cous-cous, ensalada ou o que máis vos guste como acompañante. Nós escollimos as patacas panadeira porque nos encantan e máis así molladiñas con esta salsa tan suave e saborosa. 

E xa estarían preparadas para comer! Que aproveite!


Dicide a verdade, ídeslle meter o dente á pantalla, non é? Nós confiabamos en que quedase un prato saboroso, mais non esperabamos que tanto, haha. Cun pouco de dedicación podedes lograr un prato que ha de deixar moi sorprendid@s aos vos@s convidad@s. E xa sabedes, se non gostades dalgún produtos dos aquí presentados, é cuestión de mudalos polos vosos preferidos. Coidamos que con grelos tamén había de quedar ben rico.
Pois agardamos que gustárades da receita de hoxe e que lle tiredes o máximo beneficio posíbel. Unha forte aperta bolboreteir@s!

5 comentarios:

  1. Pero que plato tan rico! y con esa salsita para mojar mucho pan! bicos

    ResponderEliminar
  2. Seguro que esos calamares rellenos estaban de rexupete asi nunca los he echo ni comido tendre que tomar nota y hacerlos un dia me gustan todos los ingredientes ,te han quedado diviniisimooooooooos.
    Muchas gracias por tus visitas y comentarios eres un encanto ,aunque no venga tan amenudo como me gustaria pues me faltan horas en el dia para llegar a todo, no te pierdo la pista .
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas a ti tamén polos teus comentarios. A min pásame coma ti, fáltanme horas do día para poder facer todo o que me gustaría.
      Nós tamén era a primeira vez que probábamos así as luriñas e agora será un básico da nosa alimentación, hahaha!
      Un bico

      Eliminar
    2. Moitas grazas a ti tamén polos teus comentarios. A min pásame coma ti, fáltanme horas do día para poder facer todo o que me gustaría.
      Nós tamén era a primeira vez que probábamos así as luriñas e agora será un básico da nosa alimentación, hahaha!
      Un bico

      Eliminar