sábado, 11 de abril de 2015

Brioche de cabelo de anxo e crema de cacao

Aquí estamos unha vez máis para vos presentar unha larpeirada especial. Desde que fixemos o cabelo de anxo, estabamos con ganas de crearmos algo con que aproveitarmos este produto. E demos cunha marabillosa solución, o brioche recheo. Certo é que como esta é unha sobremesa contundente e na nosa casa hai quen non gusta moito do cabelo de anxo, decidimos partir o recheo, e dedicarmos unha metade á sempre triunfante crema de cacao. Podedes seguir esta mesma opción, escoller un dos dous recheos ou mesmo probardes con outro que vos praza. Iso si, ímosvos confesar un segredo. Para nós a opción máis fascinante para rechear o brioche, despois de probalo, é a do cabelo de anxo. Totalmente irresistíbel.
Veredes que se precisan moitos máis mais esta é unha receita ao alcance de tod@s. Se procurades unha sobremesa para un xantar ou cea de bastantes convidad@s, esta opción sorprenderá e deixará moi satisfeit@s os comensais. Aí vos vai!

Brioche de cabelo de anxo e crema de cacao


Ingredientes:
  • Para a primeira masa:
    • 140 gr de fariña de forza
    • 20 gr de lévedo fresco
    • 80 ml de auga temperada
  • Para a segunda masa:
    • 500 gr de fariña de forza
    • 90 gr de manteiga
    • 75 gr de azucre
    • 75 ml de leite
    • 3 ovos
    • 20 gr de lévedo fresco
    • 3 gr de sal
    • Reladura dun limón 
  • Para a decoración:
    • 2-3 amorodos laminados
    • 2-3 presadas de azucre

Utensilios: unha cunca grande, un rolete, unha espátula e papel de forno.

Elaboración:

Comezamos coa preparación da primeira masa. Botamos a fariña necesaria, esfaragullamos ben o lévedo e engadímolo e por último a auga, que convén que non estea nin quente nin fría. Leva unha cantidade importante de lévedo xa que nos interesa que fermente rápido; debe duplicar o seu tamaño en 30-40 minutos polo que a deixaremos repousar tapada cun pano.











Pasado este tempo, botamos nunha outra cunca grande os 500 gr de fariña de forza e ímoslle pondo por riba, ben repartidos, anacos da primeira masa. Ademais, debemos engadir un por un os demais ingredientes, excepto o lévedo, que o deixaremos para máis adiante. Mesturamos devagar todo, ben cunha espátula ou ben cun robot. Cando se comeza a despegar un pouquiño da cunca é hora de comezarmos a traballala coas mans. Non vos estrañedes se a notades algo pegañenta, é normal. Se quixerdes, podedes pór un pouco de fariña nas mans, para un amasado máis cómodo.









Despois dun pequeno amasado, deixámola repousar cinco minutos (podédela tapar coa propia cunca).
Amasamos outro pouqiño nela e estendémola un pouco para lle pór o lévedo que faltaba, tamén moi ben esfarelado e repartido. Mollamos con dúas ou tres pingas de leite para que se integre ben e seguimos amasando. Deixamos outros cinco minutos a repousar.











Amasamos por última vez e dividímola en dúas partes iguais.


Collemos unha desas partes e coa axuda dun par de gotas de aceite para que non pegue no mesado, imos dándolle forma esférica. Levamos a cabo o mesmo proceso coa outra masa que nos quedaba e deixámolas repousar quince minutos ben tapadas.











Chega o momento de estirar, de novo coa axuda do aceite, xa que agora si é importante que non quede pegañenta. Cando estea xa un pouco estirada a masa, colocámola na bandexa do forno coa axuda do rolete e acabamos de a estender coas mans.











Pomos o recheo, como xa vedes, nós optamos por metade e metade, aínda que iso, xa queda ao voso gusto.


Facemos o mesmo coa outra bóla, con coidado de a colocar ben situada enriba da base. A continuación, imos fechando cos dedos os bordos para que se fusione a masa e non escape o recheo.


Aproveitamos xa para colocarmos a primeira decoración, as láminas de amorodos, ou se tedes froita escarchada, tamén é unha boa opción. Ademais, nunca está de máis algún froito seco, améndoa, piñóns... aínda que desta volta, preferimos deixala así. Agora debemos deixar un último descanso á masa de dúas horas. Estaría ben que non lle entrase o aire así que mellor deixamos a bandexa do forno nunha caixa cerrada ou no propio forno, apagado, claro ;-)


Pasado este tempo, debemos prequentar o forno a 220º. Collemos o brioche, e expandimos as presadas de azucre por riba. Baixamos o forno a 200º e metémos o noso doce arredor de 20/25 minutos. Convén estar atent@s xa que pode ser necesario colocarlle un pouco de papel de aluminio por riba se vemos que se comeza a dourar demasiado. Quitamos do forno e listo para lle dar unha alegría ao bandullo.


De igual modo que resaltamos a rapidez e sinxeleza doutros pratos, hai que recoñecer que o brioche leva bastante tempo e hai que lle dedicar atención con paciencia polos diferentes momentos para repousar que necesita. Certo é tamén, que non ten ningún proceso complicado, ao contrario, é cuestión de mesturarmos ingredientes e moito amasar.
Unha vez feito debedes concluír se merece a pena ou non. Para nós rotundamente si, principalmente pola parte de cabelo de anxo que logra un doce moi especial cun certo toque á ensaimada mallorquina. Ademais, o cabelo fai o brioche moi substancioso. A parte de chocolate está deliciosa aínda que talvez sexa máis similar a outras larpeiradas xa degustadas por vós. Se dispodes dun pouco de tempo libre, animámosvos a probardes esta sobremesa. Habedes de quedar orgullos@s do resultado, de seguro. E temos a sensación que vos ha de sorprender, e moito! Unha fortísima aperta e desfrutade dunha fin de semana moi doce :-)

2 comentarios:

  1. Ains como me tientas si lo se no vengo que rico tiene que estar ese brioche tanto con el cabello de angel y la nocilla babeando me tienes con las fotos que lo sepas,te ha quedado de relujo que bueno poner las fresas aprovechando que estan de temporada .
    Bicos mil y feliz semana wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Esa é a nosa intención, abrirvos a fame... hahahaha!! A verdade é que os recheos lle dan un toque moi especial ao brioche xa que é un biscoito un pouco seco. E, canto aos amorodos, temos de aproveitármonos da froita de temporada ;)
      Un bico e grazas por pasarte!

      Eliminar