martes, 24 de marzo de 2015

Dous aperitivos sinxelos e rápidos

Hoxe imos cunha entrada algo diferente porque xa sabedes que non queremos ficar na monotonía. Así pois traémosvos dúas ideas para esas ceas con convidad@s en que non sabedes que pórlles como aperitivos para os agradar e sen necesidade de perder moito tempo, xa que normalmente prefírese dedicar máis ao prato principal. Ben, pois poucas receitas pode haber máis fáciles e rápidas que estas. En apenas 5-10 minutos teredes preparados dous entrantes deliciosos cos que ir abrindo apetito.
O primeiro parte da idea dos rolos de salchichas, que nos encantan desde ben pequenos, mais que decidimos xuntar en espetos para lograr algo máis orixinal. Sexa como for, aseguran o éxito e dificilmente sobrará ningún.
O segundo aperitivo havos de sorprender como nos sorprendeu a nós. Coñecímolo en Mallorca, onde como xa dixeramos, temos familia. Son uns Doritos feitos ao forno. Dá o mínimo traballo, entre outras cousas porque o elemento principal xa vén preparado, mais co aderezo que lle pomos ganan moitísimo en sabor e fanse irresistíbeis. Ollade, de seguro que gustades destas ideas :-)

Espetos de rolos de salchichas

Ingredientes (para 6 espetos):
  • 1 lámina de follado
  • 6 salchichas
  • 1 ovo batido
Utensilios: 6 picos e un pincel.




Elaboración:

Para comezarmos, temos de cortar as salchichas en anacos. 


De seguir, estiramos a masa de follado, cortamos tiras aproximadamente do grosor dos anacos de salchichas e imos enrolando os anacos neles. 


Insertamos as salchichas enroladas nos picos de madeira; nós puxemos 4 anacos en cada pau. Pintamos co ovo batido.


Enfornamos a 190º-200º, calor arriba e abaixo, durante 10-15, ou até que vexamos que o follado medre e o ovo está douradiño. 


Como vedes, un aperitivo moi sinxelo e rápido. Podédelos acompañar dalgunha salsa que vos guste para que aínda sexan máis saborosos. A nós encántannos con barbacoa :-)



Doritos ao forno 

Ingredientes:
  • 1 bolsa de doritos
  • 100-130 gr de queixo relado
  • Especias ao gusto: ourego, estragón, alfábega etc. 
  • Pementa moída
  • Pemento picante
Utensilios: fonte apta para forno. 

Elaboración:

Para este aperitivo, temos de botar os doritos nunha fonte, engadir as especias que máis nos gusten, unha pouca de pementa moída e un chisco de pemento picante. 


Agregamos o queixo relado sendo bastante xenerosos para que se funda cos doritos e queden todos con ese rico toque.


Enfornamos a 190º-200º, co gratinador, durante 5-7 minutos e xa estarían listos para comer!


Outro aperitivo aínda máis sinxelo que ha de sorprender. Merece ben a pena probar estes orixinais petiscos.

Que vos parece? Si, corredes o risco de que algún/ha d@s comensais chegue sen fame ao prato estrela no que tanto traballastes, así que andade con ollo. Nós preparamos estes aperitivos xunto aos nuggets de polo para unha cea que tivemos na casa, mais claro, decidimos presentárvolos por separado xa que os nuggets si necesitan un pouco máis de traballo, non moito, iso si. Porén, estas dúas receitas son desas que podemos catalogar como fugaces e que cumpren á perfección co seu obxectivo.
Agardemos que vos encanten e o máis importante, que as levedes á práctica para nós vermos as marabillas que creades ;-) Unha forte aperta lambereteir@s! Pasade un bo martes.

3 comentarios:

  1. Me gustan un monton los dos aperitivos ademas de ricos con muy faciles de hacer , las salchichas asi no las he echo nunca y seguro que estan muy ricas pero los doritos si los hago alguna que otra vez en el microondas a mi hijo y a mi nos encantan .
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar
  2. que ricos para el picoteo!! las salchichas ya las tengo hecho asi y nos encanta sobretodo a mis nietas, pero los doritos aun no los he probado, seguro que buenisimos! bicos

    ResponderEliminar
  3. que ricos para el picoteo!! las salchichas ya las tengo hecho asi y nos encanta sobretodo a mis nietas, pero los doritos aun no los he probado, seguro que buenisimos! bicos

    ResponderEliminar