martes, 3 de febreiro de 2015

Francesinhas

Parece mentira que até o de agora non tivéramos elaborado ningún prato típico de Portugal, co que nos adoramos a gastronomía lusa! Ás veces non somos conscientes das posibilidades que nos ofrece o noso idioma para acceder á cultura lusófona, e neste caso no tocante ás receitas. Se gostades da gastronomía portuguesa ou brasileira (tamén caboverdiana, angolana, mozambicana...) tedes moi sinxelo coñecerdes os seus pratos botando un ollo pola rede. E sen necesidade de tradutor ningún. Vantaxes de sermos galeg@s e termos un idioma internacional ;-)
Deste xeito, puxémonos a procurar algo ben típico do país do sur (que non fose bacallau, xa que non nos entra polo ollo) e lembrámonos de que na cidade de Porto é moi moi coñecido un estilo de sándwich chamado francesinha, recheo de diferentes embutidos e cun mollo ben gorentoso. Iso si, existen mil e unha variantes dela. 
Non é un alimento de moito tempo atrás xa que parece que foi inventada na década dos 60 por un emigrante retornado de Francia, que decidiu adaptar un snack francés aos ingredientes e gastronomía portuguesa. E o resultado, pois todo un éxito. Tedes aquí a interesante orixe deste prato por se quixerdes saber algo máis del :-)
O ideal é viaxar a Porto para degustar o verdadeiro, cos produtos máis típicos da zona, mais entanto non chega o momento, temos que nos conformar con facelo na casa e cos produtos galegos.


Francesinhas

Ingredientes:

Para o sándwich (por unidade):
  • 3 rebanadas de pan de molde
  • 6 lascas de chourizo
  • 3 lascas de queixo
  • 2 salchichas frescas
  • 2 lascas de lombo adobado
  • 1 lasca de xamón 
  • 6-8 follas de espinacas 

Para o mollo (para 3 ou 4 unidades): 
  • 400 gr de salsa de tomate caseira (ou tomate triturado)
  • 1 cebola
  • 2 dentes de allo 
  • 1/2 pemento verde picante (ou normal)
  • 1 cullerada de fariña de millo
  • 1 folla de loureiro
  • 1 chile
  • 1 cervexa
  • 1/2 vaso de viño branco
  • 1/2 vaso de auga
  • 2-3 culleradas de aceite

Utensilios: tixola, prancha, culler de pao, garfo, batedor eléctrico e molde apto para forno.

Elaboración:

Para comezarmos, temos de preparar o mollo. Para iso, picamos finamente a cebola, os dentes de allo e o pemento verde. Rustrímolos en dúas culleradas de aceite e, á tixola, engadimos tamén o chile. 


Cando as verduras abranden un pouco, engadimos a salsa de tomate e, cando comece a ferver, botamos a cervexa, o viño e a folla de loureiro.











Da mesma forma, diluímos a fariña de millo na auga e engadímolo á tixola. Deixamos cociñar durante 20 minutos e o mollo será máis espeso. Trituramos co batedor eléctrico e xa estaría preparada.


 Mentres deixamos cocer o mollo, podemos aproveitar para facer o sándwich. Para comezarmos, torramos o pan de molde e reservamos. Nós, nesta ocasión, escollemos un pan con sementes.


 De seguir, temos que fritir o lombo e as salchichas. Cando estean preparadas, reservamos. 




 A continuación, temos de montar o noso sándwich. Para iso, colocamos na fonte en que imos fornear a primeira das rebanadas do pan. Sobre ela, colocamos unha lasca do lombo e tres follas de espinacas, procurando un pouco de verde entre tanto vermello. 


 De seguir, cortamos unha das salchichas á metade e, despois, ao medio e poñémolas sobre as espinacas. 


 Despois, as lascas de chourizo ou a de xamón (nós fixemos un de cada), ou mesmo podemos pór as dúas. 


 Agora temos que repetir o proceso; colocamos outra rebanada de pan, o lombo, as espinacas, as salchichas e o xamón ou chourizo. 


 Tapamos coa última rebanada de pan e poñemos o queixo de forma que sobresaía un pouco polos lados. Forneamos a 200º, calor arriba e abaixo, até que se doure o queixo e comece a derreter polos lados. 





Por último, colocamos o sándwich nun prato e botamos o mollo sobre el. 


 Pese á súa contundencia, o normal é comelo acompañado de patacas fritas e así o fixemos. 


 E listo! Agardamos que vos guste e que aproveite!


A verdade é que había tempo que non nos deixaba tan bo sabor de boca un prato. E isto por diversos motivos, tanto polo sabor intenso dos diferentes embutidos, como polo toque picantiño do mollo e sobre todo polo que farta. Que barbaridade! Diríavos que non fagades este prato para a cea, excepto que o vaiades compartir ou que teñades unha longa noite de festa por diante. Nós degustámolo ao almorzo e xa non fixo falta merenda. A fin de contas, é moita cousa xunta XD
Recoméndase tamén acompañar esta delicia dunhas patacas fritas (espectaculares molladas na salsa da francesinha) e dunha cervexa, aínda que nós a bebida cambiámola xa que non gostamos nada dela.
Non sei por que me dá que ides caer na tentación da francesinha... Non habedes de tardar moito en facela haha. Iso si, mandade unha mostra para comprobar o resultado, que seguro, será do máis exitoso. Xa vedes que nós escollimos dentro dos embutidos aqueles que máis nos apetecían e mesmo lle demos un toque vexetal coas espinacas. É cuestión de, mantendo a esencia deste riquísimo prato, darlledes o voso toque persoal.
Agardamos que desfrutedes a francesinha ao máximo!! Bo martes lambisqueir@s!!

9 comentarios:

  1. Encántame a francesinha! É unha bomba calórica, pero neste días de frío boa falta fai :D Mil grazas pola receita, esta queda na lista de pendentes ;)

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Siii, si que é unha bomba mais de vez en cando debemos darnos "pequenos caprichos", hahahahaha.
      Moitísimas grazas a ti :)
      Unha aperta.

      Eliminar
  2. Non coñecía a Francesinha e mira que fun veces ao pais veciño... Encántame e pronto vou facela, biquiños

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Seguro que che encanta e agardamos a foto co resultado!!
      Unha aperta!

      Eliminar
  3. Non coñecía a Francesinha e mira que fun veces ao pais veciño... Encántame e pronto vou facela, biquiños

    ResponderEliminar
  4. ¡Ola, rapaz e rapaza! ;)

    Non tiña o gosto de coñecer a Francesinha, pero unha vez máis, ilumináchesme! Ten pinta de enchenta total... salivo só de ve-las fotos. O que daría eu por coñecer ben ó país veciño, sobor de todo, O Porto e Lisboa... Imaxino a viaxe en auto, soando de fondo un Fado de Amália Rodrigues e de ahí... ¡ó ceo!

    ¡Grazas por compartir! ¡Unha aperta grande!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Hahahaha! A verdade é que vivindo tan preto Portugal é un grande descoñecido. A nós tamén nos encantaría esa viaxe, cando imos? ;);)
      Sii, a francesinha é moi completa mais está deliciosa!!
      Un bico!!

      Eliminar
  5. Adoro as francesinhas! Moitas grazas pola receita, heina probar na casa, que ganas!! Unha aperta

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas a ti por lernos! Seguro que che encanta esta receita. Esperamos impacientemente a foto co resultado e a túa opinión!
      Un bico!

      Eliminar