martes, 10 de febreiro de 2015

Chulas

Que chega, está chegando... O Entroido 2015 está xa aí, mais nós, gastronomicamente falando, xa estamos metidos nel de cheo. Tradicionalmente elaboramos nestas datas a que denominamos como "tríade da dozura entroideira", configurada polos freixós, orellas e roscas. Porén, xa hai tempo que nos viñan falando bastantes persoas dunha outra receita típica destas datas, as chulas, que son ademais unha sobremesa con moito peso na Mariña Luguesa.
Así pois, xa nos puxemos a investigar preguntando a diferentes persoas sobre esta receita, de feito algúns/has xa o veriades polas redes sociais. Interesábanos pois, coñecer as diferentes variantes de elaboración para a tentar facermos dun modo tradicional. As avoas e nais tiveron aquí un papel fundamental, por suposto. Tamén cómpre agradecermos a María José Gómez, Dolores Míguez, Mar Vázquez, Marisol Herbón e Maribel Gómez as recomendacións e axudas arredor deste doce. Grazas!
Xa avisamos que son moi moi sinxeliñas de facer, o principal é dar co pan axeitado xa que o proceso apenas ten complexidade. Seguramente coñezades outras moitas variantes para a receita, mais nós decidimos optar por esta, ben típica de Viveiro. Hai quen as fai tamén sen pan, de cabaza...

Chulas

Ingredientes (para 13-15 chulas):
  • 8oo ml de leite
  • 1/2 kg de pan gramado (ou un pan que teña moita miga)
  • 3 ovos
  • 3 cullerada de azucre
  • 1 culleriña e media de canela en po
  • A monda dun limón
  • Aceite para fritir

Utensilios: unha cunca, un cazo, unha escumadeira e unha tixola. 


Elaboración:

Para comezarmos, temos de quitarlle a miga ao pan e esfaragullala en anacos moi pequenos. O pan que se utiliza para esta receita é o pan gramado, aínda que serviría calquera que tivese bastante miga.


De seguir, engadimos os tres ovos e mesturamos moi ben. 


A continuación, engadímoslle unha cullerada de azcucre e media de canela en po. 


Facemos boliñas coa masa e fritimos en abundante aceite. 


Colocamos sobre papel transparente e reservamos.


Aparte, botamos o leite nun cazo e engadímoslle a monda dun limón, dúas culleradas de azucre e unha culleriña de canela. Deixamos que ferva. 


Despois, colocamos as boliñas nun recipiente e o leite sobre elas. Deixamos repousar uns minutos e xa estarían listas para comer. Tede en conta que se poden comer tanto quentes coma frías e, para quentalas, podemos usar o microndas ou un cazo. Así mesmo, para as servir pódese quitar o leite, se é que aos/ás comensais non lles gusta moito. 


Aquí simplemente queda unha mostra visual do noso prato. Non deu tempo a sacar máis fotografías xa que, nun abrir e pechar de ollos, desapareceron absolutamente todas as chulas. Porque estanvos moi moi boas, que larpeirada.
Parecía que non quedabamos tranquil@s se non probabamos este doce entroideiro, así que agora xa poderemos durmir mellor, XD. Tedes aínda varios días por diante até o Martes lardeiro así que ide practicando cos diferentes pratos da nosa repostaría, e despois ese día facédelos todos xuntos ou seleccionades os vosos favoritos. Xa vos dicimos que as chulas hainas que ter moi en conta, son ben diferentes aos produtos da tríade, mais non menos doces.
Agardamos animarvos a facer esta sobremesa despois de ollardes aquí a receita. Queremos ver, iso si, os resultados, haha. De seguro que moit@s de vós xa sodes tod@s uns expert@s nas chulas. Se é que, a fin de contas, con cant@s grandísim@s reposteir@s contamos no país... Unha aperta!!

4 comentarios:

  1. Parecen doadas de facer, mais pola miña terra fanse sen pan e sen o leite... haberá que probar..
    Nós o leite botabámosllo ás papas de millo...
    Un saúdo e moitas grazas.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A verdade é que son moi sinxelas e rápidas, en apenas 10-15 minutos xa está todo feito ;)
      Se probades, mandádenos unha foto!
      Un bico

      Eliminar
  2. Uummmmmmmmmm seguro no segurisimo estan de muerte relentaaaaaaa, mi madre tambien las hace asi e incluso con las torrijas las pongo asi , te han quedado de relujo.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. As torradas así tamén teñen que estar moi ricas!!
      Moitas grazas polo teu comentario!
      Un bico guapa!

      Eliminar