Nun domingo escuro e frío parece que apetece bastante metérmonos na cociña e preparar algún prato diferente. Como unha das carnes das que máis proveito tiramos nós é o polo e concretamente da súa peituga, decidimos elaborar unha nova receita para non repetirnos demasiado na peituga á prancha, peituga rechea etc. Así pois, coñecimos un prato italiano (como non!) que nos chamou moito a atención e non dubidamos en pola en práctica. É unha receita moi completa xa que é bastante económica, moi sinxela, rápida de elaborar, saudábel e mesmo bonita. O máis raro, o nome, xa que pode soar estraño iso de polo con costra, mais despois é esa capa de fóra a que converte as peitugas en irresistíbeis.
Deste modo, cunha carne ben barata podedes lograr un excelente prato para sorprenderdes a calquera convidad@. E a máis convidad@s, máis peitugas, sen problema ningún. A ver que vos parece:
Pollastro in crosta
- 2 peitugas de polo
- 50 gr de queixo relado
- 2 culleradas de pan relado
- Maionesa (1 ovo, sal, vinagre e aceite de xirasol)
- 3 chilis
- 1 dente de allo
- 2 culleriña de ourego
- 1 culleriña de alfábega
- Pementa moída
- Sal
Utensilios: fonte apta para forno, batedor eléctrico, o vaso do batedor e unha culler.
Elaboración:
Para comezar temos que adobar a peituga cun chisco de sal e pementa moída, xa as podemos colocar na fonte en que as imos cociñar.
O seguinte paso é facermos a maionesa. Para iso, no vaso do batedor, botamos un ovo, un dente de allo e un pouco de vinagre (aprox. unha cullerada); de seguir, colocamos o batedor eléctrico, comezamos a bater a pouca velocidade e botamos pouco a pouco o aceite. Cando vexamos que o ovo comeza a emulsionar, podemos mover o batedor moi despacio, cando comece a espesar deixamos de botar aceite, batemos uns segundiños máis e xa estaría preparada. Tede en conta que para conservar a maionesa debe estar sempre refrixerada e debemos consumila ese mesmo día, ou ao día seguinte; aínda que neste caso xa a imos utilizar no momento.
Botamos a maionesa sobre a peituga.
De seguir, mesturamos o pan relado, o queixo e a outra cullerada de ourego e empoamos a peituga.
Enfornamos a 200º (o forno debe estar prequente), calor arriba e abaixo, durante, aproximadamente 30 minutos.
Servimos acompaña da gornición que máis vos guste (pan, arroz, patacas asadas, fritidas ou cocidas etc.), nós, neste caso, asamos unhas patacas no forno, mentres se cociñaba a peituga. E xa estaría lista para comer! Agardamos que vos guste!
Se vos parece apetitosa así polas fotos non vos quero dicir nada cando a teñades diante. Unha auténtica marabilla. Ademais, como sempre vos dicimos, podedes darlle o voso toque escollendo, por exemplo, as especias de que máis gustedes. Este é un prato ideal para calquera día e para calquera persoa xa que non é preciso ningún procedemento complexo. E toda esa crosta vaille dar unha intensidade de sabor ao polo e unha textura que non vos deixarán indiferentes, iso seguro.
Animámosvos logo a que a preparedes. Se tedes algunha peituga polo conxelador, xa a podedes facer hoxe mesmo. Son cinco minutos de preparación, o resto xa o fai o forno :-) Bo domingo xente!!
Ummmmmmmmmmmm no dudo lo mas minimo ese pollo en costra este de muerte relentaaaaaaaa no hay mas que ver las fotos te ha quedado divinisimo.
ResponderEliminarBicos mil y feliz domingo wapa.
Moitísimas grazas, a verdade é que está delicioso!!
EliminarUn bico guapa!