martes, 27 de xaneiro de 2015

Churros con chocolate

Si, hoxe é día de clásico da repostaría. Un produto que poucas persoas non terán degustado algunha vez na súa vida, xa for ao almorzo ou ben nesas noites que troula que chegan até xa o sol comezar a aparecer e que decidimos fechar cun bo chocolate con churros, especialmente na noite en que despedimos un ano para dar a benvida a outro.
Con todo, non é tan frecuente que optemos por elaboralos na casa, xa sexa pola comodidade que nos ofrecen as churrarías que xa nolos dan feitos ou ben porque non tiñamos idea de como se facía. Deste modo, nós decidimos probarmos a receita caseira. E a verdade é que pouco máis sinxela pode ser, tanto na elaboración como nos produtos que precisamos: auga, fariña, sal e aceite. Chocolate á marxe, claro.
Recordo que miña avoa tiña unha máquina especial para facer os churros, mais despois de moito preguntar non se volveu saber dela. Porén, non tardamos en comprobar que hai outras formas máis manuais para os elaborarmos, abonda cunha manga pasteleira e o bico correspondente. E que almorzo tan saboroso!!

Churros con chocolate

Ingredientes:

Para os churros:
  • 250 ml de auga
  • 125 gr de fariña
  • 2 culleradas de aceite
  • Un chisco de sal
  • Aceite para fritir
Para o chocolate:
  • 250 ml de leite
  • 5-6 culleradas de chocolate en po
Utensilios: dous cazos, unha tixola, unha espátula, unha culler de madeira, unha manga pasteleira, un bico grande (por exemplo o 6B de Wilton).


Elaboración:

Para comezarmos, temos de facer os churros. Para iso, botamos a auga nun cazo xunto coas dúas culleradas de aceite e o chisco de sal. Cando ferva, botamos a fariña de golpe, que debe estar peneirada, e rapidamente mesturamos cunha espátula. 




Temos que traballar a masa até que se despegue do recipiente, despois retiramos do lume, deixamos que arrefríe un pouco e colocámola na manga pasteleira. 


Para que sexa máis fácil facer os churros coa manga, ímolos colocando nun prato e, de seguir, fritímolos nunha tixola con abundante aceite até que vexamos que están douradiños. 




Mentres se friten, aproveitamos para facer o chocolate, que nós tamén fixemos de forma simple. Para iso, quentamos o leite nun cazo e, pouco a pouco, engadímoslle o cacao en po e remexemos continuamente até conseguir un chocolate algo espeso; se non vos gusta tan espeso, só tedes que botarlle menos cacao ao leite.  





E xa teriamos todo preparado! Agora só quedaría mollarmos os churros no chocolate e a desfrutar! 


Xa, somos conscientes de que isto non serve para almorzar acotío tanto porque non é o máis saudábel nin por cuestión de tempo. Se a maioría das veces xa nos levantamos co tempo xusto para quentar o leite e pouco máis, imaxinade para isto. Mais na fin de semana si que é unha magnífica opción. Calquera día que vos xuntedes na casa uns poucos/as para almorzar, podedes sorprender con este clásico caseiro. Non notaredes diferenza ningunha cos mercados nas churrarías, e por suposto, son moitísimo mellores que os que venden nas tendas de conxelados, lóxico.
Así, quédavos aquí unha receita que cómpre facer na casa unha vez cando menos na vida. Despois, xa escolledes se mollalos en chocolate, café ou no que quixerdes. De calquera forma, estes churros van estar boísimos. E si, podedes facelos tan longos como vos apeteza e mesmo en forma de lazo. Nós deixámosvos a receita para que vós despois a utilicedes ao voso antollo ;-) Unha forte aperta larpeiriñ@s!

4 comentarios:

  1. ¡Tedes moita razón, son un clásico que a lo menos deberiamos facer unha vez na vida na nosa casa! ¡Teñen unha pinta boísima! Eu lévome a receita, se algunha vez me animo, quero que sexa con ista e non con ningunha outra, ¡faltaría máis! Hahaha

    ¡Un bico e unha aperta!

    Yoly

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Teste que animar que son moi sinxelos e fanse nun momento!!! Alegrámonos de que che guste a receita e moitas grazas por todo!
      Apertass!

      Eliminar
  2. Bárbaro!!! Esta receita é imprescindible, vounos deixar feitos antes de saír de marcha e ao chegar... ala, pa dentro!! Grazas!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Hahaha! É unha grande idea, seguro que che saen xenial!
      Moito ánimo e agardamos a túa foto!
      Unha aperta!

      Eliminar