Xa estamos a fin de semana, polo que temos un pouco máis de tempo para dedicar a vós, e a vos ofrecer novas lecturas gastronómicas. Así pois, hoxe toca unha receita que xa probara a facer hai ben tempo mais que me viñan demandando na casa ultimamente, os roscos caseiros. E eu, encantada :-) Que tamén eu me aproveito.
Aínda que a idea parte dos Donuts orixinais, cómpre desbotarmos a idea dun sabor idéntico. De igual modo, que dicimos que outros produtos son moi similares aos mercados, neste caso resulta difícil estabelecer comparacións. Para o noso punto de vista saben mellor estes roscos por nos pareceren máis naturais, mais é certo que resulta complexo encontrar o sabor tan característico dos Donuts. O que si, debedes probar con esta receita e despois comparardes. Aquí xa temos un par de votos a favor dos roscos caseiros.
Roscos caseiros
- 300 gr de fariña
- 150 ml de leite
- 60 gr de manteiga
- 60 gr de azucre
- 15 gr de lévedo de panadaría
- 1 ovo
- Raiadura de laranxa
- Raiadura de limón
- Noz moscada
- Aceite
- Glasa: 70 gr de azucre glas, 50 gr de manteiga e 1/2 vaso de auga.
- Cobertura de chocolate: 150 gr de chocolate con leite e 50 gr de manteiga.
Utensilios: recipiente grande, dous recipientes fondos, un prato culler ou espátula, rolete, vaso e tapón de botella (ou cortadores de galletas), unha tixola e papel absorbente.
Para comezarmos, colocamos a fariña nun recipiente amplo. Facemos un burato no centro e botamos alí a manteiga en pomada, o azucre, o ovo, as raiaduras de laranxa e limón, o leite, a noz moscada e o lévedo esfaragullado.
Agora, pouco a pouco, imos mesturando os ingredientes do centro coa fariña até obter unha masa elástica.
Estiramos a masa coa axuda dun rolete sobre un papel vexetal ou unha superficie enfariñada até que teña un grosor de aproximadamente 1 cm.
Co vaso (ou cortador circular) imos facendo círculos na nosa masa e, co tapón da botella, pequenos círculos dentro destes. As pequenas boliñas que obtemos podémolas deixar así ou volver amasar para formar roscos (nós, neste caso, decidimos deixalos así).
Colocámolos sobre unha superficie enfariñada e tapámolos cun trapo. Deixamos repousar 1 hora ou até que dupliquen o seu tamaño. Tede en conta que se está nun lugar cálido levedarán antes.
Pasado ese tempo, fritímolos en abudante aceite até que se douren e, de seguir, poñémolos sobre un prato con papel absorbente .
Deixamos que arrefríen e mentres facemos a glasa. Para iso, temos de mesturar a manteiga fundida co azucre glas e coa auga; temos que conseguir unha crema algo espesa mais que se poida extender ben.
Mollamos algúns roscos na crema e para que quede crocante, enfornámolos a 150º, calor arriba e abaixo, durante 5 minutos. Despois, refrixerámolos durante 30 minutos para que se intensifique o sabor.
Para bañalos en chocolate, só temos que derreter o chocolate e, cando esté preparado, engadimos a manteiga. Mollamos os roscos no chocolate e refrixerámolos até que endureza o chocolate e xa estarían preparados.
Uhhhh, como se poñería Homer Simpson se entrase en Bolboretas no bandullo. Salivaría, e moito... haha. E nós tamén, xa que están moi moi bos. Iso si, mirade cantos sodes na casa, porque nós eramos dous a comer, e non duraron nada, nin as boliñas, nin os roscos nin nada. Para a próxima pensarei en facer en cantidades industriais.
Son ideais para desfrutardes dun almorzo completo, acompañándoos de leite ou zume, mais tamén para unha merenda ben larpeira. Se tedes pequen@s na casa, ollade, porque teñen unha atracción ben curiosa por estes doces así que estades @s demais en risco de quedar sen ningún.
Botade un ollo, e xa vos digo, é obrigada a comparación co produto que tanto se comercializa. Estou seguro que vos ides decantar polo caseiro. Deliciosos. Apertas lambisqueir@s! ;-)
¡Aiiiii, xa tedes outro voto a favor dos vosos roscos!!
ResponderEliminarAínda que todavía nos os probéi, voto por eles. Está claro que non hai nada como o feito na casa e istes roscos, ademáis, teñen unha pinta boísima!
O meu neno leva tempo pedíndome Donuts caseiros, porque é un dos poucos doces que lle gustan (no é nada larpeiro, a min dende logo non se parece... hahaha) eso sí, sen chocolate porque non lle gusta ( xa ves como teño eu razón) así que lévome a receita e xa les poréi un glaseado para os que se zampe él, para min, con choco, por favor hahahahaha
¡Graciñas por compartir!
¡Unha aperta ben grande, Diana!
Yoly
Grazas a ti por lerme! Pois espero con ansias a foto co resultado :D:D!
EliminarPode ser que co tempo lle vaia gustando máis o doce e, se non é así, seguro que lemos moitas variantes dos roscos no teu blogue para el, hahaha!
Un bico!