xoves, 23 de outubro de 2014

Trempó

E hoxe toca receita que chamamos compensatoria, xa que resulta do máis beneficiosa para compensar os excesos das nosas últimas tortas. Un prato ao que lle temos especial cariño por nos ser transmitido pola familia que reside nas Illes Balears, territorio do que é típica a receita.
Evidentemente, nós utilizamos produtos galegos no canto de mallorquinos, mais iso non lle vai restar nin un punto de sabor a esta mestura principalmente de verduras. Parece ser que o trempó orixinal consistía soamente en tomate, pemento e cebola. Con todo, a variante que nós coñecemos, inclúe tamén un pouquiño de atún para facer máis nutritiva esta especie de ensalada que para nós xa actúa non como acompañante, senón como prato principal.
O nome deriva do verbo "trempar", que significa aliñar, unha das claves desta deliciosa combinación de hortalizas.
Os pementos utilizados adoitan ser mallorquinos ou italianos, mais nós aproveitamos os da casa, galegos claro, ao igual que os tomates e as cebolas. A ver que vos parece:

Trempó

Ingredientes (para dúas persoas):
  • 1 pemento vermello
  • 1 pemento verde
  • 1 tomate
  • 1 cebola
  • 1 lata pequena de atún
  • 2 paus de surimi (opcional)
  • Aceite, vinagre e sal
Elaboración:

Para comezarmos, temos que lavar e picar finamente os pementos, o tomate e a cebola. É verdade que nesta receita se lle dá moita importancia ao corte das verduras, xa que se deben cortas en anaquiños pequenos e non en tiras. Potencia así, entre outros aspectos, a fermosa mestura de cores do trampó.




De seguir, engadimos o surimi e o atún e mesturamos ben. 


Por último, aliñamos co aceite, vinagre e o sal, sen pasarse e xa estaría lista para comer! Mesturade todo un par de voltas para que quede ben repartido o aliño. Tede en conta, que é un prato que se pode deixar preparado con antelación no frigorífico, ademais de ser perfecto para levar para a universidade, o traballo, de excursión ou a onde vós queirades nun tupper ;)



Como vedes é unha receita sen ningunha complicación é que nos vai satisfacer moito desde o punto de vista estético e sobre todo alimenticio, que é o que de verdade importa. Un prato mediterráneo elaborado con produtos galegos que nada teñen que desmerecer. Un modo moi apetitoso de degustar verduras e de integrar un óptimo prato nunha dieta equilibrada. Nós acudimos a el para cearmos en varias ocasións e quedamos encantad@s. Seguro que vós tamén. Ademais estes días de calor outonal entra máis que ben. De feito alá triunfa por ser un prato lixeiro para levar a calor.
Un truco, se tedes un bo pan co que acompañar (en Mallorca fano con pan payés), molládeo no aliño sobrante, que debe ser pouquiño, e que estará aromatizado polos diferentes produtos, mmmm. Pasade bo xoves bolboreteir@s e espero que desfrutedes deste mostra da cociña mediterránea! 

4 comentarios:

  1. Me encanta yo preparo no igual solamente le añado huevo cocido. preparado con antelacion esta buenisimo

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A verdade é que si! Nós, ás veces,tamén lle botamos ovos e está delicioso!!!
      Un bicazo enorme!

      Eliminar
  2. Cuns garavanzos cocidos e fríos, menú completo!

    ResponderEliminar