domingo, 5 de outubro de 2014

Arroz con leite de chocolate

Xa estamos aquí unha vez máis. E hoxe cunha receita que tiña no maxín xa desde hai un tempo porque ma adoitaban facer de pequena e agora tiña ganas de atreverme eu con ela. Aínda que iso si, dándolle un toque diferente para innovar, haha. E ese toque tiña que ser o chocolate, como non, aínda que quería que fose algo lixeiro que non mudase o sabor orixinal e tan propio desta clásica sobremesa.
O arroz con leite, ao igual que no resto da Península, ten unha longa tradición na Galiza, e difícil será coñecer unha familia ou casa en que nunca se fixera. A súa textura e dozura fixeron del un prato que encantaba á maioría e que servía para que tomaren leite aqueles/as que non gustaban tanto del. Ademais, unha cunca de arroz con leite acabado de facer, é moi de agradecer nas noites de inverno galego.
A ver se gustades da nosa receita, que exceptuando o punto chocolateiro, é a mesma que xa facía miña avoa hai moitas décadas :-)


Arroz con leite de chocolate

Ingredientes:
  • 1 litro de leite
  • 1 vaso pequeno de arroz
  • 80 gr de azucre
  • A monda dun limón
  • Canela, en po ou en rama, ao gusto
  • 1/4 de libra de chocolate
Elaboración:

Para comezar, temos que ferver o leite coa monda do limón e unha culleriña de canela. A cantidade de leite pode variar, dependendo se vos gusta o arroz con leite máis ou menos espeso. A nós gústanos que predomine o leite por iso utilizamos 1 litro para esa cantidade de arroz. 



Cando ferva o leite, engadimos o vasiño de arroz e deixamos cocer a lume medio 20-25 minutos, aproximadamente. Aquí o tempo, é bastante relativo, xa que depende de como vos guste o arroz, máis brando ou máis duro. 



 De seguir, engadimos o azucre e o chocolate -nós, neste caso, escollimos chocolate con avelás para que tivese un sabor máis especial, mais podedes escoller o chocolate do que máis gostedes- e cocemos 5 minutos máis até que se derreta o chocolate.



 Para finalizar, servimos nunha cunca e engadimos máis canela e xa estaría preparado! Que aproveite!



Que vos parece? Na vosa casa tamén o facedes así? A min, a pesar de que non son unha grande amante do leite, sempre me gustou polo sabor que lle dá a monda do limón e a canela, que a verdade é dos poucos pratos en que lle dou uso, mais que está moi boa.
E xa vedes, os pratos de sempre están boísimos, sexan coa receita tradicional ou engadíndomos algún outro produto. Agardo que vos gustase, e que se non vos lembrábades del, probedes a facelo un día destes. Despois podédelo aproveitar mesmo como almorzo. A min polo menos encántame pola mañá, en vez de leite con cereais, leite con arroz!! Ñam! Bo domingo lambisqueir@s!

4 comentarios:

  1. Eu que non son moito de arroz con leite, este pénsoo probar :)

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Seguro que che encanta! Ademais, pódeslle botar todo o chocolate que queiras, se non che gusta moito o sabor do arroz con leite :)
      Un saúdo e grazas polo teu comentario!

      Eliminar
  2. Gostariame que corrixiran unha palabra. En galego non se di "tabeleta" de chcocolate, senón LIBRA de chocolate. Grazas

    ResponderEliminar