martes, 8 de xullo de 2014

Pastel de chocolate

Nada, non me resisto, tiven que volver aos doces, aínda que neste caso foi por un encargo para un aniversario, de aí ese "felicidades" que vedes nas fotografías. Optei desta volta por unha torta clásica aínda que non por iso menos saborosa. E como son @s convidad@s tan chocolateir@s pois o chocolate non podía faltar. Estiven agardando o veredito e este foi óptimo xa que non ficou ningunha faragulla deste pastel, que sempre é bo sinal.
Aquí vos deixo a receita para que me digades que vos parece. É, sen dúbida, un recurso moi a ter en conta pola súa sinxeleza e eficacia xa que convence a practicamente todas as persoas.

Pastel de chocolate

Ingredientes:

Para o biscoito:

  • 175 gr de manteiga
  • 175 gr de azucre moreno
  • 125 gr de fariña
  • 50 gr de cacao en po, sen azucre
  • 1 sobre de lévedo
  • 3 ovos
  • 2 culleradas de iogur
Para a crema de chocolate:
  • 150 gr de azucre
  • 100 gr de manteiga
  • 50-60 gr de avelás
  • 50 gr de cacao en po
  • Leite
Para a decoración:
  • 1 tableta de chocolate branco
  • Lapis comestíbel

Elaboración:

Para empezar, temos que batir a manteiga en pomada co azucre, despois engadimos os ovos, un a un. 



De seguir, agregamos, pouco a pouco, a fariña, o cacao e o lévedo e, de último, engadimos as dúas culleradas de iogur. 

Enfornamos a 180º, calor abaixo e ventilador, durante, aproximadamente, 25 minutos. 




Mentres temos o biscoito no forno, aproveitamos para facer a crema. Mesturamos a manteiga derretida, o azucre e o cacao -nós mesturamos cacao puro con cacao con azucre para que fora máis doce. Como precisamos obter unha crema untábel, engadimos culleradas de leite até conseguirmos a textura desexada. Finalmente, engadimos as avelás troceadas.  





E chegou a hora de montar e decorar a nosa torta! Abrimos o biscoito ao medio, coa axuda dun coitelo ou unha lira, e colocamos a base na fonte en que imos presentar. Estendemos toda a crema e cubrimos coa outra parte da torta. 




Para a decoración, fundimos o chocolate branco, ben ao baño maría ou ben no microndas. Para facermos a placa coa felicitación, temos de coller un anaco de papel de forno e estender unha capa de chocolate, metémolo no frigorífico e deixamos que endureza. Despois, escribimos a mensaxe coa axuda do lapis e pegámolo con máis chocolate no biscoito. Co resto do chocolate, e coa axuda dunha culler, facemos unhas liñas na metade do biscoito. Refrixeramos até que o chocolate endureza totalmente e despois podémolo conservar a temperatura ambiente.




Esperamos que vos guste e que aproveite!



Xa vedes, unha tentación. Eu non a puiden probar, quedei coas ganas, polo que non tardarei moito en volver facela, mais desta vez para min soa, haha! Non é necesario agardar a aniversarios, calquera escusa é boa. Se tedes un pouco de tempo proximamente dedicádello a este pastel e veredes que led@s ficades. Apertas lambereteir@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario