E neste 25 de abril imos cunha das receitas que nos viñan demandando desde hai xa un tempo. Un dos meus pratos que máis gusta entre amig@s, que non dubidan en repetir unha e outra vez :-) Aquí vos traemos unha saborosísima e farturenta LASAÑA DE CARNE. A orixe da lasaña está no Mediterráneo e converteuse sen dúbida nun dos pratos de pasta de maior éxito mundial.
A verdade é que vos presento un dos meus pratos favoritos, aproveito para facer lasaña sempre que podo, e tamén unha das primeiras receitas que elaborei, xa hai agora uns poucos anos... Así que espero que desfrutedes facéndoa e coméndoa tanto coma min. Aí vos vai:
Lasaña de carne
Ingredientes:
- 12- 14 placas de lasaña precociñada
- 700 gr de carne picada
- 7 lascas de xamón
- 5 lascas de queixo
- Queixo relado ao gusto
- 1 cebola
- 1 cenoria
- 1 pemento vermello
- 1 tomate
- 1/2 l de bechamel (receita aquí)
- 1/2 vaso de brandy
- Aceite de oliva
- Especias ao gusto, sal e pementa moída
Elaboración:
Para comezarmos, temos de facer a salsa. Para iso, trituramos a cebola, a cenoria e o pemento vermello. Neste caso, decidimos triturar as verduras para que quede unha salsa máis saborosa. E rustrímolas con dúas culleradas de aceite.
Despois de 5 minutos, engadimos a carne picada, sazonada co allo, o sal e as especias que escollemos previamente. Cando a carne mude de cor, botamos o brandy e, cando se evapore o alcol, o tomate tamén triturado. E deixamos que se cociñe, a lume medio-baixo, durante 45 minutos.
Chegou a hora de montar a nosa lasaña!! Para comezarmos, untamos o molde cun pouco de aceite para que non se quede pegada a pasta. Colocamos as capas de lasaña cubrindo a base; como vedes nós tivemos que recortar algunha debido á forma ovalada que ten o noso molde. Estendemos unha capa fina de bechamel e a metade da salsa de carne e verduras.
A continuación, colocamos outra capa de pasta, outra de bechamel e as lascas de queixo e xamón.
De novo, outra capa de pasta, de bechamel e engadimos a outra metade da carne. Para rematar, unha última capa de pasta, o resto de bechamel e queixo relado ao gusto.
Enfornamos a 200º, co grill e o ventilador, até que a bechamel e o queixo estean douradiños e lista para comer!
Unha verdadeira xoia gastronómica. Se ides a Italia non vos esquezades de probar a lasaña, como outros pratos de pasta do país transalpino, teñen un plus difícil de igual. Por certo, esta é unha das opcións, mais encántanos tamén con verdura (espinacas ou grelos por exemplo...) así que non dubidedes en probala da forma que máis vos apeteza. Iso si, non é necesario que preparades outros pratos para acompañar a lasaña, entre que é bastante farturenta e ides repetir, non habedes de ter oco no bandullo para máis. Pasade boa fin de semana con esta delicia lambonciñ@s!! ;-)
Ningún comentario:
Publicar un comentario