luns, 28 de abril de 2014

Galletas de nata

Un dos encantos da cociña é o de nos entreter e por iso botamos man nunha desas tardes de descanso. A escolla neste caso foi a dunhas clásicas galletas de nata moi sinxeliñas de facer, rápidas e moi saborosas. Ademais son coñecidas como galletas galegas xa que parece que eran típicas de moitos conventos da Galiza. Sexa como for, é unha boa receita para nos divertir un pouco facendo masa e dándolles a forma que máis nos apeteza. Unha sobremesa clásica perfecta para moit@s comezar a vosa andaina no mundo da repostaría.

Galletas de nata

Ingredientes:
  • 200 ml. de nata para cociñar
  • 400 gr. de fariña
  • 1 vaso de azucre
  • 2 ovos
  • Reladura de limón
  • 1 culleriña de lévedo en pó


Elaboración:

En primeiro lugar, debemos mesturar a nata líquida co azucre. Unha vez disolto, engadimos os dous ovos, despois a reladura e batemos.




De seguir é o momento de botarmos a fariña xunto co lévedo. En principio podemos botar 400 gramos, e tentamos crear unha masa homoxénea. De ser necesario, engadimos un pouco máis de fariña.


 Xa ben formada a masa, estendémola e estirámola coa axuda dun rolete. É moi importante que esta estea ben fina para as galletas ficaren ben crocantes polo que non dubidedes en estirar bastante.


Posteriormente chega o divertido momento de crear as formas así que cómpre botar man dos moldes. Collede o que teñades á man ou o que prefirades. Como me apetecía facelas redondas por ser a forma tradicional destas galletas, e non tiña ningún cortapastas con esta forma na casa, tiven que me servir dun vaso pequeno.


 Unha vez vez preparado o forno a 180º, con calor arriba e abaixo, metemos os doces e esperamos a que se douren. Tede coidado que se fan moi rápido ao ser tan finiñas. E xa estarían listas, deixádeas arrefríar un pouquiño e ao bandullo!


 Xa vedes, son do máis apetecíbeis. Ademais de doces, teñen varias vantaxes xa que con esta pouca masa dá para moitísimas galletas así que aproveitade para as facer cando teñades un xantar ou cea de varias persoas. E senón sodes de comer moitas dunha volta, non vos preocupedes, aguantan perfectamente varios días sen perder o sabor. Aí tedes unha boa idea para facerdes en pouco tempo ;-) Desfrutádea!

Ningún comentario:

Publicar un comentario