venres, 2 de maio de 2014

Torta de dous chocolates con améndoa

Esta semana tiven un par de encargos para dous aniversarios así que entón aproveitei para pór en práctica algunha torta que tiña en mente e que tiña ganas de facer xa hai un tempo. Hoxe preséntovos unha delas, unha verdadeira oda ao chocolate e ao doce en xeral, a torta de dous chocolates con abelás. Como xa veriades noutras receitas, tiro moito proveito da mestura destes elementos, aínda que a verdade poucas veces ficou un resultado tan óptimo como nesta sobremesa. Segundo as miñas informacións non durou máis de 10 minutos na mesa, todo un éxito :-)

Torta de dous chocolates con abelás

Ingredientes:
  • 4 ovos
  • 175 gr de manteiga
  • 125 gr de azucre
  • 150 gr de chocolate negro
  • 100 gr de chocolate con leite
  • 140 gr de améndoa 
Para a decoración:
  • 80 gr de améndoa en po 
  • 20 gr de manteiga
  • 2 culleradas de azucre 
  • 3 culleradas de azucre glas
  • 1 amorodo grande
Elaboración:

Para comezarmos, temos de preparar o molde que imos utilizar. Para iso, untámolo de manteiga e sobre a manteiga botamos as dúas culleradas de azucre e a améndoa en po. Reservamos

                                                   


A continuación, fundimos os dous chocolates, pode ser no microondas ou ao baño maría. De seguir, engadimos a manteiga e mesturamos até que quede unha mestura homoxénea e brillante. Reservamos. 



Batemos os ovos co azucre até que a mestura triplique o seu tamaño. Despois, engadimos o chocolate sen deixa de bater. 


m




Así mesmo, botamos a améndoa, nós utilizamos unha mestura de améndoa moída e laminada, reservando unha cullerada, e mesturamos ben. 


Vertemos a mestura no molde e botamos a améndoa que reservaramos por encima da mestura.  


Enfornamos a 180º, calor abaixo e ventilador, durante 40 minutos. Deixamos que arrefrie un pouco e desmoldamos. Para finalizar decoramos empoando a torta con azucre glas e colocando un amorodo en láminas no centro da torta e xa estaría lista para comer! Non vos despistedes, que esta torta voará en 5 min!! 



Xa vedes, irresistíbel. A pesar da súa apariencia, é bastante lixeira polo que poderedes repetir, sempre que @s demais comensais volo permitan, haha. Posúe un sabor do máis intenso que a converte nunha tentación para @s máis larpeir@s. Se estades pensando en achegarvos ao mundo das tortas esta é unha fantástica idea porque te aseguras un resultado excelente. Desfrutade e atrevédevos con ela ;-)

2 comentarios:

  1. A miña foto favorita é a do chocolate derretido, que preciosidade! A torta ten unha pinta espectacular, hei de probar a facela un día!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas! Seguro que che encanta porque está deliciosa! Esperamos con ansias a foto co resultado :-) :-) :-)

      Eliminar