luns, 21 de abril de 2014

Peitugas recheas de xamón e espinacas

Xa rematan as vacacións, mais comer hai que seguir comendo, e cociñando tamén, e por iso aquí seguimos con novos pratos que esperemos que vos gusten tanto como a nós. E o de hoxe está feito cunha das carnes que máis xogo dá para cociñar, as peitugas de pito (ou polo se o preferirdes, hehe). Sabe ben á prancha, con pan relado, picadiña e como non, rechea! 
Nós optamos por enchelas dunha das nosas carnes preferidas e dunhas das verduras que máis nos gustan, as espinacas. E non podía faltar un pouco de queixo para facelas moito máis tenras e nutritivas. A combinación dá lugar a un prato completísimo e moi moi saboroso! 

Peitugas recheas de xamón e espinacas

Ingredientes:
  • 2 peitugas 
  • 4 lascas de queixo
  • 50 gr de xamón
  • 300 gr de espinacas
  • 1 cebola branca
  • 1 cebola vermella
  • 1 cenorias
  • 1 cervexa
  • Aceite de oliva
  • Sal
  • Pementa moída
  • Alfábega
Elaboración: 
Para comezarmos, debemos preparar o recheo das peitugas. Para iso, rustrimos a cebola branca cortada finamente en dúas culleradas de aceite; cando xa estea feita engadimos o xamón, tamén picado, e por último as espinacas e mesturamos ben.


De seguir, preparamos as peitugas, que as debemos ter abertas e adobadas co sal, a pementa moída e a alfábega. Colocamos sobre elas as lascas de queixo, dúas en cada peituga, e sobre el o recheo.  




A continuación, enrolamos as peitugas e colocámolas nunha fonte, onde previamente botamos unha cullerada de aceite e a cebola e a cenoria picadas. 








Regamos coa cervexa e enfornamos a 180º, calor arriba e ventilador, durante 1 hora e 15 min; lembrade que na metade da cocción debemos darlles a volta ás peitugas. 



Pasado ese tempo, podemos deixar o mollo así ou trituralo. Nós, neste caso, decidimos batilo.



E xa estaría preparado para comer! Podedes acompañar as peitugas cunhas patacas fritidas, arroz branco ou unha ensalada, mais de todas as formas estarán deliciosas!!


Vedes que xa se come só cos ollos, realmente apetecíbel. De todos modos, se tedes pouco tempo ou andades algo folgazáns, podedes optar por reenchelas e simplemente pasalas á tixola ou á prancha ficando así tamén moi saborosas. Iso si, a salsa de verduras dálle un plus a ter en conta. 
Desfrutade dun completo prato nesta volta á rutina. Pasade boa semana amig@s!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario