venres, 18 de abril de 2014

Pastel de verduras

Hoxe pensamos naquelas persoas que polo que sexa (non nos meteremos en temas relixiosos) teñen como costume o de non comer carne neste venres do ano. Fóra de crenzas podémolo facer para probarmos un día con peixe, verduras, froitas... Deste modo presentámosvos unha receita adecuada para tal día, un completo e saudábel pastel de verduras. Este prato é típico de Inglaterra, e de feito, a min chegou grazas a Ana, una amiga de Birmingham coa que estou a realizar un intercambio lingüístico. Unha fabulosa idea para o noso blogue e para vós que lle debemos agradecer :-)
Desde o Reino Unido unha receita perfecta para hoxe, mais por suposto para calquera outro día do ano. Esta receita seguro que encantará aos vexetarianos e aos apaixoados das verduras, e ha de atraer a aquelas persoas que as teñen algo esquecidas :-)

Pastel de verduras

Ingredientes:
  • 1 masa de follado
  • 1 cabaciña
  • 1 pemento vermello
  • 1 cebola vermella
  • Queixo ao gusto
  • 30 gr de abelás
  • 1 ovo
  • Aceite de oliva
  • Vinagre balsámico
  • Sal 
  • Pementa moída
Elaboración:

Para comezarmos temos de cortar a cabaciña, o pemento e a cebola e colocalos nunha fonte (apta para enfornar) cun chisco de sal, pementa moída, 3 culleradas de aceite e 1 de vinagre. Enfornamos a 190º, calor arriba e abaixo co ventilador, durante 30 min, aproximadamente. 

De seguir, extendemos a masa de follado e colocámola no molde que escollemos para facermos o pastel. Botamos por enriba as verduras e, sobre estas, o queixo cortado en dados. Así mesmo, temos de pintar todo cun ovo batido, para que colla unha cor douradiña no forno.



Enfornamos, de novo, a 190º, calor arriba e abaixo co ventilador, durante uns 20 minutos, ou até que vexamos que o follado está feito. Para rematar, engadimos as abelás cortadas en anacos e lista para comer!


Como vedes, ten unha pinta espectacular e o sabor aínda é mellor. Con todo, ao ser unha mestura de verduras é personalizábel. Nós propoñemos esta versión, mais xa sabedes, botade man do que máis gustedes. Pasade bo venres e desfrutade deste prato inglés riquísimo, sinxelo e moi moi saudábel!


Ningún comentario:

Publicar un comentario