xoves, 13 de febreiro de 2014

Mini-hamburguesas da casa

Despois do fabuloso doce que vos trouxemos o último día, hoxe presentámosvos unhas hamburguesas totalmente caseiras, xa que elaboramos tanto o pan como a hamburguesa en si, engadindo aquelas especias de que máis gustemos. Se tedes pequen@s na casa, gostarán moitísimo deste clásico, aínda máis polo seu tamaño reducido que as fan moi atraíbeis.
Unha vez canto menos tedes que probar a elaborar este produto na casa para poderdes comparalo co que mercades nas carnizarías. É certo que require un pouco de tempo, a diferenza das mercadas, mais o sabor é moito máis natural.

Mini-hamburguesas da casa

Ingredientes:
Para as mini-hamburguesas (8 unidades aproximadamente):
  •         300 gr de carne picada metade de porco e metade de tenreira
  •         1 clara de ovo
  •         1 cenoria relada
  •         Pan relado
  •        Allo picado
  •        Pementa moída
  •         Estragón
  •     Ourego

Para o mini-pan de hamburguesas (8 unidades aproximadamente):
  •      200 gr de fariña de forza
  •      100 ml de leite desnatada
  •     1 ovo pequeno e unha xema
  •      10 ml de aceite de oliva
  •       8 gr de fermento de panadaría
  •      Alfábega
  •      Sésamo

Elaboración:
      Para as mini-hamburguesas:
Nunha fonte, agregamos a carne picada, a clara do ovo, a cenoria relada e adobamos co allo, a pementa moída, o estragón e o ourego ao gusto. Mesturamos todo moi ben e pouco a pouco agregamos o pan relado até conseguir unha masa consistente. A continuación, formamos as hamburguesas coa axuda das mans.

















Se queredes, podédelas conxelar para un día que non teñades moito tempo. Para as conxelar o mellor é recortar cadrados de papel vexetal e colocádelas entre eles, metédelas nun tupper ou nunha bolsa de plástico e ao conxelador. 









Para o pan das mini-hamburguesas:
Para comezar, temos que disolver o fermento en leite morna. Nun recipiente botamos a fariña, a leite co fermento, o ovo, o aceite e o chisco de alfábega. Mesturamos ben todos os ingredientes e deixamos repousar nun lugar cálido durante 1 hora e media, aproximadamente.
Cando duplique o seu tamaño, formamos os boliños e deixamos repousar 45 minutos nun lugar cálido. De seguido, pintamos co ovo e decoramos co sésamo. Forneamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 15 minutos. 



Para a súa montaxe, facemos as hamburguesas na prancha. Abrimos o pan pola metade e colocamos o queixo, a hamburguesa, leituga, tomate e cebola e incluso podemos engadir algunha salsa como kétchup, mostaza, kebab, maionesa ou a salsa que máis vos guste. Así mesmo, a carne picada tamén podería ser de polo, pavo, cordeiro etc. O interesante de este tipo de receitas é que cada persoa as pode adaptar ao seu gusto. 





Agora, a desfrutar deste prato que en nada se parece ás hamburguesas que podemos comer nalgúns locais de comida rápida. Esta é unha hamburguesa do máis natural e saborosa!! Probade a elaborala e lembrade enviarnos as fotos ;-)

2 comentarios:

  1. Tiene pinta de merecer la pena. Que apetito me entra! Abrazo!
    Loli

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A verdade é que si que merecen a pena porque se nota bastante a diferenza coas compradas, e seguro que se as fas non te arrepintes.
      Moitas grazas polo teu comentario!
      Un saúdo!

      Eliminar