domingo, 9 de febreiro de 2014

Delicias de Kinder

Non pensedes que tiñamos esquecidos os doces, nin moito menos! Hoxe traémosvos unhas delicias moi amorosas e cun sabor fascinante.
A primeira quincena de febreiro é unha das épocas máis amorosas do ano xa que temos no 2 de febreiro a Candeloria, día da luz e do amor, e no próximo 14 o día de San Valentín, coñecido como o día dos namorados. O segundo, de orixe romana e pagá, vén sendo o máis celebrado actualmente polo seu pulo comercial. Mais na Galiza, a Candeloria, celebración de orixe relixiosa, veuse considerando un preludio do renacer da natureza primaveral. Víase como a época do casamento dos paxaros e tamén como a data en que os mariñeiros voltaban á navegación despois da espera invernal. Está considerada, por tanto, como a Festa do Amor, e desde aquí reivindicámola pola súa tradición galega.
Sendo así, e pensando nestas dúas celebracións amorosas, que menos que elaborarmos unha sobremesa na honra do amor para que elobaredes nos vosos fogares :-)

Delicias de Kinder


 Ingredientes:
  • Masa de follado
  • Crema de Kinder (ou crema de chocolate, de abelás, pasteleira, de amorodos...).
  • Un ovo

Elaboración:

Estendemos a nosa masa de follado nunha superficie enfariñada e estirámola un pouco co rolete. A continuación, cun cortapastas de forma de corazón -ou con outra que vos guste, ou mesmo cun coitelo ben afiado- facemos as formas desexadas. Lembrade que teñen que ser sempre pares para que podan ir reenchidas. 










De seguir colocamos na bandexa do forno, recuberta de papel vexetal, os nosos corazóns. Coa axuda de dúas culleriñas poñemos o recheo, só na metade das formas. Pintamos co ovo batido os bordos para que peque mellor, e colocamos a outra metade do corazón.


Selamos os bordos, de novo, coa axuda dun garfo para que o recheo non salga durante a cocción. E pintamos todos as delicias co ovo batido, para que queden doradiñas no forno.














Enfornamos durante 15-20 min a 180º (calor arriba e abaixo). Deixamos arrefiar un anaco e... perfectas para comer! 


Amor e cociña unidos nestas datas tan románticas. Sexa como for, recoméndovos que probedes a facelas, esteades ou non namorad@s. Talvez chegue o amor logo de probalas... ;-)

Ningún comentario:

Publicar un comentario