xoves, 24 de setembro de 2026

Ensalada de quinoa

Bo día, bolboreteir@s! Que tal levades o inicio Outono? Xa vos apetece un tempo máis fresco? Nós estivemos o sábado comendo castañas asadas na praia 😂. Mais, mentres esperamos a que baixen as temperaturas, deixámosvos esta ensalada morna, cun toque thai, que, desde que a probamos, é un indispensábel todas as semanas na nosa casa. 
Ademais de estar boísima, dános xogo para reaproveitar eses ingredientes que nos quedan abandonados no frigorífico. De todas formas, aquí vos deixamos a nosa versión por se vos apetece probala. 



Ensalada de quinoa


Ingredientes:


  • 300 g de quinoa
  • Heura/polo
  • 2 cenorias reladas
  • 1 cogombro
  • 1 cebola morada
  • Millo ao gusto
  • Coantro fresco
Para sazonar a quinoa:
  • 1 cullerada de allo en po
  • 1 cullerada de cebola en po
  • 1 culleriña de comiño
  • AOVE
Para a salsa:
  • 50 g de leite de coco
  • 1 cullerada de crema de cacahuete
  • 1 cullerada de de salsa de soia
  • 1 culleriña de mel
  • 1 culleriña de allo en po
  • 1/2 culleriña de xenxibre
  • 1/2 culleriña de tomate concentrado
  • Un chisco de lima


Utensilios: unha fritideira de aire, unha tixola, unha cunca grande, un bote pequeno, unha culler para mesturar, unha táboa e un coitelo.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de sazonar a quinoa co allo, a cebola, o comiño e un pouco de AOVE. 


Mesturamos moi ben e levávola á fritideira de aire 30 minutos a 180º para que estea ben crocante. A metade da cocción debémoslle dar volta. 


Mentres tanto, aproveitamos para relar a cenoria e cortar o cogombro e a cebola. Botámola nunha cunca xunto co millo. 


Agregamos a quinoa crocante e a heura (ou polo), rustrida volta e volta na tixola. Mesturamos moi ben e reservamos mentres facemos a salsa. 


Para a salsa, temos de mesturar todos os ingredientes.


E botámoslle a salsa á nosa ensalada. 


Integramos ben a salsa co resto dos ingredientes. 


E rematamos a nosa ensalada cun pouco de coantro fresco. 



E xa estaría lista para comer!



Como vedes, é unha ensalada moi completa e moi fácil, e rápida, de facer! E unha forma deliciosa de introducir verduras e cereais na nosa alimentación.


Así que, esperamos que vos guste e que a poñades en práctica.
Aperta forte!
Lémonos, bolboreteirxs!

Ningún comentario:

Publicar un comentario