Bo día, bolboreteirxs! Esta semana estamos moi felices xa que o próximo sábado imos facer un curso de Repostaría americana coa nosa admirada Alma Obregón, á que tantas veces recorremos para termos inspiración nas nosas receitas máis larpeiras.
E, tamén, para celebrarmos o inicio de outubro, o mes do Samaín, traémosvos unha lambonada demasiado deliciosa, e tamén moi moi sabedeira, unha mestura de brownie e galleta. Se nos seguides, xa sabedes que calquera das dúas sobremesas está moi presente en Bolboretas no bandullo, pois, desta volta, ocorréusenos facer unha mestura de ambas e engadirlle unha boliñas de chocolate e cacahuete para completar esta bomba de sabor.
Brookie
Ingredientes:
Para o brownie:
- 300 gr de chocolate con leite
- 300 gr de azucre
- 200 gr de fariña
- 175 de manteiga
- 4 ovos
- 25 gr de cacao
- 1 culleriña de lévedo

Para a galleta:
- 250 g de fariña
- 150 g de azucre
- 110 g de manteiga
- 1 ovo
- 1 cullerada de vainilla
- 3 g de lévedo
- 3 g de bicarbonato
- Un chisco de sal
- Chispas de chocolate
Opcional: bolas de cacahuete recurbertas con chocolate.
Utensilios: dúas cuncas, un batedor manual/eléctrico, unha espátula, un molde apto para o forno e papel vexetal.
Elaboración:
Para comezarmos, temos que facer as nosas masas, tanto a do brownie coma a da galletas. Se, coma nós, ides usar un batedor eléctrico con vaso, recomendámosvos facer primeiro a galleta, porque así xa podedes usar a mesma cunca para facer despois o brownie e que non quede todo impregnado de chocolate. Así, comezamos batendo a manteiga (fría e cortada en anacos) co azucre.
De seguido, agregamos o ovo e a vainilla.
Despois, a fariña mesturada co sal, o lévedo e o bicarbonato e mesturamos até ter unha masa homoxénea.
Cando teñamos a masa perfecta, agregamos as chispas de chocolate.
Reservamos mentres facemos a outra masa.
Chegou o turno do brownie. Botamos o chocolate e a manteiga nunha cunca.
Poñémolos ao baño maría ou no microondas até que derretan.
De seguir, engadimos o azucre.
E os ovos, un a un.
Peneiramos a fariña, xunto co cacao e o lévedo.
Mesturamos até que teñamos unha masa homoxéna. Reservamos.
Chegou a hora de montar a nosa BROOKIE. Para iso, forramos un molde con papel vexetal e botamos a metade da masa do brownie e unhas boliñas de chocolate e cacahuete.
Imos cubrindo coa metade da masa da galleta.
E botamos o resto da masa do brownie.
Rematamos con máis galleta e boliñas de chocolate.
Enfornamos a 220º, calor arriba e abaixo, durante, aproximadamente 35-40 minutos. Debemos picar cun escarvadentes e comprobar que sae un pouco húmida.
Deixamos que arrefríe un pouco.
E xa estaría lista para comer!
Como vedes, é unha lambonada ben saborosa e ben potente. Non ides deixar indiferente a ninguén, tanto pola textura como polo seu sabor.
Así que, esperamos que vos guste e que a poñades en práctica.
Aperta forte!
Lémonos, bolboreteirxs!



















Ningún comentario:
Publicar un comentario